UXÍO ABUÍN, PRATA NO EUROPEO DE TARTU

20 de Xullo de 2018

Uxío Abuín logrou hoxe o subcampionato de Europa de Tríatlon en Distancia Sprint en Tartu (Eslovenia), nun emocionante sprint con Roberto Sánchez Mantecón por esta medalla de prata. Ademais, hai que destacar a 12ª posición de Iria Rodríguez na categoría júnior ou a 18ª de Camila Alonso en elite. Inés Castaño, con molestias no estómago, foi 41ª en júnior.

A prata de Uxío chegou na última proba do día. O galego estivo sempre na loita polos primeiros postos e confirmou a súa medalla no tramo de carreira a pe.

Abuín saíu da auga na terceira posición, só a catro segundos do primeiro, o húngaro Mark Devay, mentres que Varga foi segundo. Na bicicleta Devay e Varga lograron escaparse nas primeiras voltas (e a eles  sumouse o luxemburgués Paret), pero na terceira volta o grupo perseguidor logrou alcanzalos.

Apenas houbo respiro para os triatletas, xa que a falta de catro quilómetros Sánchez Mantecón atacou e, con Richard Varga pegado ás súas costas, logrou abrir un pequeno oco, que lles permitiu chegar a T-2 cuns segundos de vantaxe sobre o grupo principal, con Uxío en cabeza.  Moi pronto, na carreira a pe Varga logrou escaparse uns metros e xa non deixou a súa privilexiada posición ata alcanzar a cinta de meta. Por detrás, Uxío, logrou alcanzar a Mantecón e Linduska, que foi o primeiro en incorporarse aos escapados. E parecía que o de Dobro ía en busca de Varga, pero o eslovaco estaba hoxe incontestable e o galego volveu ser engulido polo grupo perseguidor (Mantecón, Doherty e Linduska). Así, co ouro confirmado para Varga, faltaba por saber para quen serían as outras dúas medallas e todo se decidiu nun fermoso sprint entre os dous españois (Uxío e Sánchez Mantecón) a falta de algo máis de 300 metros, no que o galego foi máis forte para acadar a prata cun tempo de 53:18.

 Na categoría feminina, boa actuación de Camila Alonso (Tríatlon Ferrol), que logrou a 18ª posición, despois de facer unha moi boa carreira a pe. Camila chegou a segunda transición a dous minutos do primeiro grupo, pero fixo o mellor parcial do seu grupo e logrou así a 18ª posición cun tempo de 1:00:40.

772a2c18 6168 48bf 801d 1cf8814bc01dJúnior. Na proba júnior feminina, moi bo resultado o de Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial), que foi 12ª cun tempo de 1:01:58, mentres que Inés Castaño (Arcade Inforhouse), con molestias no estómago, foi 41ª.

 Iria saíu ben da auga, na décima posición a 18 segundos da primeira, e logrou meterse no grupo principal na bicicleta. Na carreira a pe perdeu algúns segundos, pero rematou nunha magnífica 12ª posición, no seu último Europeo da categoría júnior.

Pola súa banda, Inés sufriu un pouco na natación, na que houbo moitos golpes, e tivo que remontar na bicicleta. A pesar de que recuperou bastante, a galega xa comezou a notar as dores de estómago, que se fixeron máis fortes cando tocou correr. Así que tivo que aguantar a dor, para chegar a meta na 41ª posición cun tempo de 1:04:35.

 O domingo celebrarase a proba de relevos mixtos júnior, co título de Campión de Europa en xogo.

Quizáis che interese…