FIN DE SEMANA PERFECTA PARA INÉS SANTIAGO, ANA CARVAJAL E ALBERTO GONZÁLEZ, QUE FAN DOBRETE

21 de Xuño de 2015

Aínda coa reseca do Campionato de España de Tríatlon Sprint, comezou a primeira hora da mañá o Campionato de España de Acuatlón con cincocentos participantes. Mantíñase a fortísima calor, o alto nivel dos participantes e os nomes dos principais protagonistas.

 

Cadete: Alberto González (Arcade Inforhouse) e Ana Carvajal (Tríatlon Ferrol) repetiron o triunfo do día anterior no acuatlón, con distancias de 500 metros de natación e 2,5 quilómetros e carreira a pe. Na proba masculina, con 144 participantes, Alberto González dominou a proba dende a auga, mentres que por detrás Javier  Lluch (Huracán Valencia) saíu na segunda posición do Lérez, pero na carreira a pe foi superado por Jesús del Val (Trimarbella Bike). Desta forma, o podio estivo formado por Alberto González (14:58), prata para Jesús del Val (.15:06) e bronce para Javier Lluch (15:16). Na clasificación de clubs, título de campión de España de Acuatlón masculino para o TriMarbella Bike e bronce para o Tríatlon Ferrol.

 

Na proba feminina, con 83 participantes, tamén houbo unha dominadora clara, que neste caso foi Ana Carvajal, que non abandonou o primeiro posto de principio a fin. Mentres, por detrás a loita polo resto do podio foi intensa. A segunda posición foi para Lucía Salafranca (Tríatlon Las Rozas) mentres que Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) remontou na carreira a pe despois dunha regular natación. A deportista galega manifestou a súa satisfacción polo traballo desenvolvido nestes dous días (onte quedou na cuarta posición): “É o meu primeiro campionato de España da categoría e no estivo mal: Unha medalla e un cuarto posto. E aínda me queda máis dun ano en cadete”. Na clasificación de clubs, proclamouse campión de España na categoría feminina o Tríatlon Ferrol e prata para o Cidade de Lugo.

 

Júnior: Na proba júnior houbo un cambio no podio masculino, ao proclamarse campión de España de Acuatlón, Ignacio González (Arcade Inforhouse), que onte foi segundo no tríatlon. Iso si, na feminina dobrete e fin de semana para enmarcar para Inés Santiago (Tríatlon Ferrol), que gañou as dúas probas individuais e as colectivas. As distancias en júnior son de 1.000 metros de natación e 5 quilómetros de carreira a pe.

 

Na proba masculina, Ignacio González tivo problemas na auga, onde houbo bastantes golpes, e quedou relegado á última posición do grupo dianteiro. Por riba, non estivo moi hábil na transición ao retirar o neopreno –“estiven un pouco torpe, chanceou”- e tocoulle remontar na carreira a pe. Por diante estaban en cabeza de carreira dous deportistas do Natación Riveira, Carlos Brión e Martin Carrera. Logrou alcanzalos á metade da carreira a pe e despois marchou en solitario en busca do triunfo (29:36). Por detrás, Héctor Arévalo (Diablillos de Rivas) acadou a segunda posición cunha boa carreira (29:54), mentres que Martín Carrera (Natación Riveira) foi a medalla de bronce (30:01). Na clasificación de clubs proclamouse campión de España júnior masculino o Diablillos de Rivas, mentres que o Arcade Inforhouse de Santiago foi bronce.

 

E pouco despois tocoulle a quenda as rapazas, con outra exhibición de Inés Santiago. A galega fixo unha natación moi boa e abriu unha importante distancia sobre as súas perseguidoras. Por detrás viña remontando con forza Claudia Luna (Mataró), que é unha especialista na carreira a pe, pero Inés apertou os dentes ao vela preto, na entrada ao estadio de atletismo do CGTD, e realizou  un último esforzo para proclamarse campioa de España de Acuatlón na categoría júnior cun tempo de 34:23. Na segunda posición, Claudia Luna (34:33) e terceira, a compañeira de club de Inés, Sara Guerrero (35:06). A cuarta posición tamén foi para unha deportista do Tríatlon Ferrol, Paula Herrero, polo que confirmaron así tamén o título na categoría de clubs júnior feminino.

 

Inés explicou que foi unha fin de semana inmellorable: “Máis non podo pedir: dous títulos individuais, dous do club, a miña mellor amiga, Sara Guerrero, logrou hoxe o bronce… Estou moi contenta por todo!”.

 

Para Acuatlón. Jairo Ruiz del Triatlón Atleti sumaba a medalla de ouro na categoría PT4. Mentres que Jorge Otalecu (Trimarbella Bike Aquarena) conquistaba o campionato en PT7. En PT3 Jaime Bailón Galindo del Triatlón Clavería Móstoles alzábase co triunfo, con Jesús Miguel Sánchez (Stadium Venecia) obtiña o subcampionato da categoría.

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...