GÓMEZ NOYA, INVENCIBLE EN PONTEVEDRA

21 de Xuño de 2015

Javier Gómez Noya (Cidade de Lugo Fluvial) e Paula García Godino (Diablillos de Rivas) proclamáronse hoxe campións de España de Acuatlón na categoría absoluta, nunha xornada marcada polas altísimas temperaturas e o cansanzo dos participantes.

Javi volveu a ser o protagonista, con todos os ollos postos nel. E iso que non se encontrou especialmente cómodo na auga. Desta forma, saíu do río Lérez na quinta posición, polo que tocaba remontar. Por diante estaban Diego Pérez (Tríatlon Arteixo), Luis Miguel Velasquez (Tri-Penta Terras de Lugo), Víctor Benages (Diablillos de Rivas) e Kevin Viñuela (Tríatlon Segovia). Así, Javi e David Castro foron subindo posicións para alcanzar o liderato en cabeza xunto a tres deportistas (David Castro, Saracho e Velasquez). No inicio da segunda volta, o ferrolán atacou para escaparse en solitario e nos últimos cincocentos metros chegou a relaxación para o campión do mundo que puido entrar saudando ao público (28:47). Por detrás, David Castro e Saracho decidiron o segundo posto da proba ao sprint a favor de Castro (29:11). César Ramiro Saracho, mexicano, non computaba para o campionato de España, nin o venezolano Luismi Velásquez, polo que o bronce foi para Antonio Serrat (29:33). O vigués onte sufrirá unha caída na bicicleta por culpa dunha picada e tiña un golpe na cadeira, polo que chegou a dubidar se participar na proba. Pero finalmente, animouse e fixo unha boa proba: “Na natación ben, e na carreira a pe, a pesar das molestias que sentía, puiden ir remontando posicións”.

 

Javi explicou que notou un certo cansanzo: “Creo que todos porque a proba de onte foi moi tarde e sempre despois dun esforzo forte tarde, custa descansar e creo que todos estabamos un pouco cansados. Así non me atopei demasiado ben na auga, aínda que pelexei, e todo se decidiu na carreira a pe. Só puiden relaxarme nos metros finais, pero o nivel era moi alto e foi unha fin de semana exixente”.

 

Na clasificación de clubs da categoría masculina, o título foi para Cidade de Lugo Fluvial e a prata para o Tríatlon Arteixo.

 

Na categoría sub 23, triunfo para David Castro (Tríatlon Rodense), mentres que a prata foi para Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) e  logrou a medalla de bronce Lucas Mola (Fasttriatlon). Na clasificación de clubs sub 23 masculina o título foi para o Tríatlon Arteixo.

 

Na categoría feminina, houbo dúas traxectorias na auga, e a corrente prexudicou ao grupo no que ían as favoritas (Paula García Godino, Estefanía Domínguez) que saíron da auga con certo retraso. En cabeza Xisca Tous, unha moi boa nadadora que chegou á transición con vantaxe e comezou a correr na primeira posición. Pero por detrás Paula García e Estefanía Domínguez ían recortando distancias ata que finalmente a colleron a falta de medio quilómetro. E xa en cabeza, Paula García Godino decidiu atacar e logrou o título que onte se lle resistiu. A madrileña estaba encantada ao remate da proba xa que “onte fixen a natación en solitario e quedei descolgada. Hoxe decidín pegarme a un grupo e a verdade foi que estiven cómoda e saín a correr nunha boa posición para remontar e lograr o triunfo”. Pola súa parte, a medalla de prata, Estefanía Domínguez, no podía estar máis satisfeita: “Hoxe segunda e onte primeira, competindo en Pontevedta, un sitio moi especial para min, porque estiven residindo aquí seis anos”. Agora regresou a súa terra, Extremadura e cree que “me está sentando ben porque os resultados son bos e iso que non puiden adestrar ben a natación por problemas nas costas”.

 

Na clasificación de clubs da categoría feminina, proclamouse campión de España o Diablillos e Rivas, mentres que o bronce foi para o club galego do Cidade de Lugo Fluvial.

 

Na categoria sub 23, ouro para Xisca Tous (Diablillos de Rivas), prata para Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) e terceira posición para Ana Mariblanca (Canoe). E por clubs 23, triunfo para o Montilla-Córdoba Tríatlon.

 

 

 

 

Quizáis che interese…