GALICIA, AO ASALTO DA COPA DE EUROPA DE TRÍATLON DE GRAN CANARIA

23 de Marzo de 2017

Galicia estará magníficamente representada na primeira Copa de Europa de Tríatlon desta tempada, que se celebrará o domingo 26 en Gran Canaria. Ademais da Copa de Europa, tamén se disputará un clasificatorio para o Campionato de España e unha proba popular.

A elite feminina comezará ás 10.45 horas con varias galegas no pontón de saída e a británica Lucy Hall como gran favorita. Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) chega a esta proba con magníficas sensacións despois de acadar o título de Campioa Iberoamericana de Tríatlon a pasada fin de semana. Ademais, tamén están inscritas a súa irmá Melina Alonso (Tríatlon Ferrol), Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) ou Sara Guerrero (Náutico de Narón).

A proba masculina (13:30) terá importantes nomes entre os que destacan algúns dos nosos deportistas coma Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) ou Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), habituais competidores en Copas de Europa ou do Mundo e con bos resultados. Este ano, ambos xa levan unha proba internacional ás súas costas: Serrat foi 15º na Copa do Mundo de Cidade do Cabo e Uxío acadou a sétima posición no Campionato Iberoamericano. Pero non serán os únicos representantes galegos. Na lista de inscritos están ademais Alberto Castiñeira (Triatlon Arteixo), Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) ou Martín Carrera (Natación Riveira). A proba celebrarase sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe) e a natación será no peirao de Santa Catalina.

Quizáis che interese…