GALICIA BUSCARÁ O TÍTULO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS

6 de Xuño de 2013

Galicia buscará loitar polo podio no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías, que se celebrará esta fin de semana en Xixón. A Federación Galega presentará un competitivo equipo tanto na categoría masculina coma na feminina, xa que pretende repetir os éxitos do pasados anos.

A expedición galega está composta por dous equipos de seis deportistas. O feminino está formado por Aída Valiño, Fani Domínguez, Saleta Castro, Melina Alonso, Inés Santiago e Marta Barbeito, mentres que o masculino contará con Antonio Serrat, Jesús Gomar, Alejandro Álvarez, Pablo Dapena, David Castro e Andrés Carnevali.

O campionato celebrarase en Xixón sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe) e para a clasificación final se suman os postos dos catro mellores clasificados (cada equipo pode presentar un máximo de seis deportistas). A proba masculina comezará ás 18:30 horas do sábado coa participación de 17 seleccións, mentres que a feminina dará comezo ás 19.30 horas.

A principal novidade do presente ano é que se celebrará unha proba de relevos mixta, que terá lugar o domingo 9 de xuño ás 09:30 horas. O equipo estará formado por dous chicos e dúas chicas e as distancias serán de 300 metros de natación, 6 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pe. A autonomía que gane a xeral será a mellor da suma dos resultados das categorías masculina, feminina e relevos.

Resultados 2012. Galicia foi a mellor no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías do 2012, que se celebrou en Mazarrón (Murcia). A selección galega feminina arrasou e logrou o título na categoría feminina, mentres que na masculina foi prata. Da suma destes resultados, saíu a medalla de ouro na xeral para Galicia. Ademais, a nivel individual Jesús Gomar e Marta Jiménez gañaron cadansúa carreira.

Quizáis che interese…