GALICIA, CAMPIOA DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS TRAS VENCER NA PROBA DE RELEVOS MIXTOS

24 de Xullo de 2016

Galicia proclamouse hoxe campioa de España de Tríatlon por Autonomías en Mequinenza (Aragón) tras gañar a proba de relevos mixtos, nun campionato impecable das e dos nosos deportistas. Así, con 58 puntos, Galicia volve a o máis alto do podio por segundo ano consecutivo.

A primeira xornada rematara con dous líderes (Galicia e Cataluña) ao fronte da clasificación provisional, polo que aquel equipo dos dous que estivera por diante na proba de relevos sería o campión de España. Galicia enfrontaba a proba con Carmen Gómez, Alberto Castiñeira, Camila Alonso e Antonio Serrat, mentres que Cataluña contaba con Paula Battle, Albert Parreño, Sara Loehr e Jordi García. Na proba de relevos cada integrante do equipo debe realizar un mini tríatlon de 250 metros de natación, 7,2 quilómetros de bicicleta e 1,8 de carreira a pe e dar a quenda ao seu compañeiro/a.

A primeira representante de Galicia foi Carmen Gómez, que saíu da auga na primeira posición, aínda que na bicicleta foi alcanzada por Cataluña, principal e case único rival no día de onte. Así, chegaron xuntas á T2, onde Carmen fixo unha moi mala transición que a relegou á última posición, pero chea de orgullo na carreira a pe foi remontando ata a cuarta posición e logrou superar tamén á representante catalá sobre a que logrou dez importantísimos segundos de vantaxe. Deu a súa quenda na cuarta posición a Alberto Castiñeira.

O galego logrou alcanzar aos deportistas que ían por diante e formouse un grupo cabeceiro ao que se incorporou Cataluña con Albert Parreño. Na saída da bicicleta un forte ataque de Javier Romo (Castela a Mancha) e Castiñeira volve a deixar descolgado a Cataluña. Finalmente a escapada consolídase con Galicia, Castela a Mancha e Madrid traballando de forma conxunta e pouco a pouco vanse abrindo diferenzas importantes con Cataluña. No momento de dar o pase a Camila Alonso, hai cerca de 1:05 sobre Cataluña, aínda que Galicia vai segunda por detrás de Castela a Mancha.

Pero enseguida Camila comeza a recortar tempo á representante de Castela a Mancha tirando moi forte en bicicleta xunto a Cecilia Santamaría (Madrid). Por detrás, Sara Loerh logra ir recortando distancias para deixala en torno aos 35 segundos no momento en que Camila da a saída a Antonio Serrat na primeira posición. E o vigués non deu opción algunha aos seus perseguidores, cun relevos perfecto no que non só mantivo a distancia que lle outorgaron os seus compañeiros senón que logrou ampliala ata os 53 segundos sobre Cataluña, que logrou a segunda posición, mentres que Madrid foi bronce a 01:02

Na clasificación final do Campionato de España de Tríatlon por Autonomías Galicia proclamouse campioa cun total de 58 puntos, mentres que Cataluña foi segunda (55 puntos) e Madrid, bronce (49 puntos).  O combinado galego venceu hoxe na proba de relevos e onte foi primeira na proba feminina e segunda na masculina.

 

 

Quizáis che interese…