GALICIA, LÍDER PROVISIONAL XUNTO A  CATALUÑA DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS TRALA PRIMEIRA XORNADA

23 de Xullo de 2016

Galicia rematou a primeira xornada do Campionato de España de Tríatlon por Autonomías, que se está a disputar en Mequinenza (Aragón), como líder provisional empatada a puntos con Cataluña. A selección galega foi primeira na proba feminina e segunda na proba feminina, alternando posicións con Cataluña o que provocou ese empate en cabeza con 38 puntos. Desta forma, o equipo galego necesita un triunfo ou quedar por diante de Cataluña mañá na proba de relevos mixtos para lograr o título de Campioa de España de Tríatlon por Autonomías.

A proba feminina foi a primeira en celebrarse cunha espectacular actuación da selección galega formada por Carla Castaño, Carmen Gómez, Camila Alonso, Sara Guerrero, Inés Castaño e Iria Rodríguez. Grandísimo o traballo das nosas deportistas que lideraron a proba dende o primeiro segmento, con Camila Alonso e Carmen Gómez en cabeza. Todo se decidiu entre elas na carreira a pe. Comezou mandando Carmen, pero Camila recuperou e logrou superala para entrar en meta en solitario como vencedora e Carmen Gómez na segunda posición. Ademais, Sara Guerrero foi sexta e Inés Castaño, 15ª. Con estes resultados, Galicia foi primeira, seguida por Cataluña (2ª) e Madrid (3ª).

Na categoría masculina, Galicia (Antonio Serrat, Luismi Velásquez, Carlos Brión, Ismael López, Alberto Castiñeira e Martín Carrera) tamén estivo sempre loitando nas primeiras posicións, con  Antonio Serrat como home máis destacado. O vigués, sempre no grupo de cabeza, logrou a segunda posición por detrás de Pevtsov Rostyslav (de Castela a Mancha). Os outros galegos que puntuaron para o equipo foron Alberto Castiñeira que foi décimo; Luismi Velásquez (12º) e Martín Carrera (15º). Así acadaron a segunda posición por detrás de Cataluña e todo queda pendente da proba de mañá, na que Galicia necesita gañar ou quedar por diante de Cataluña.

O campionato individual celebrouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 19,5 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe) e para a clasificación final sumáronse os postos dos catro mellores clasificados (cada equipo pode presentar un máximo de seis deportistas).

Mañá domingo terá lugar a proba de relevos mixta a partir das 10:00 horas. O equipo estará formado por dous chicos e dúas chicas e as distancias serán de 250 metros de natación, 7,2 quilómetros de bicicleta e 1,8 de carreira a pe. A autonomía que gane a xeral será a mellor da suma dos resultados das categorías masculina, feminina e relevos.

Resultados 2015. Galicia proclamouse o pasado ano en Almazán (Soria) campioa de España de Tríatlon por Autonomías. A selección feminina logrou o triunfo de forma brillante, mentres que o equipo masculino, con importantes baixas, foi bronce. Concretaron o título coa vitoria na proba de relevos mixtos.

 

Quizáis che interese…