GALICIA COPA OS PODIOS DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE ACUATLÓN

23 de Xullo de 2017

 As e os triatletas galegos continuaron cos éxitos da xornada anterior nun día cheo de medallas no Campionato de España de Acuatlón, que se celebrou hoxe en Banyoles. 

Cadete: A primeira de todas foi o bronce de Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial) en cadete masculino, despois de facer unha carreira a pe moi boa para alcanzar a terceira posición cun tempo de 14:47. Javier Pena foi o 17º.

Na categoría feminina, Henar Cons e Natalia Castro saíron da auga no primeiro grupo de cabeza, pero na carreira a pe Henar perdeu varias posicións. Ao final, Natalia Castro foi novena, mentres que Henar Cons ocupou a 17ª posición.

IRIA OUROJúnior: Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) logrou proclamarse campioa de España júnior nunha proba que dominou dende o inicio. A galega fixo unha magnífica natación e completou o  traballo cunha carreira a pe moi sólida, para chegar a meta en solitario cun tempo final de 34:09. Inés Castaño, que o día anterior subira ao máis alto do podio no Campionato de España de Tríatlon, remontou algúns postos na carreira a pe, para rematar na sexta posición (35:59).

Na categoría júnior masculina Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol) estivo competindo polo podio durante toda a proba -saíu terceiro da auga-, para rematar na cuarta posición a escasos segundos do bronce.

SERRAT PRATAElite. E xa chegaron as probas elite, con magníficos resultados para o tríatlon galego. Na categoría masculina, Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) fixo unha moi boa natación e estivo rapidísimo na transición para saír primeiro. Dominou a proba nos dous primeiros quilómetros, ata que David Castro logrou alcanzalo e superalo para ir en solitario cara á liña de meta (29:21). O segundo posto foi para Serrat a cinco segundos, mentres que Iago Lorenzo foi 13º e Andrés Cendán, 15º. Ademais, Antonio Serrat proclamouse campión de España sub 23.

Na categoría feminina, o triunfo foi para a venezolana afincada en Pontevedra (e con licenza galega) Joselyn Brea, que fixo unha moi boa natación, para confirmar o seu triunfo na carreira a pe. Brea gañou a proba cun tempo de 32:40, mentres que Sara Bonilla logrou o título de campioa de España (33:18).

Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), nunha magnífica proba, logrou a prata no Campionato de España elite (34:02) e o título na categoría sub 23. Carmen, que leva case dos meses se poder adestrar por culpa dunha sobrecarga no sóleo e no xemelgo, que non se termina de curar. Así que a galega enfrontaba a proba máis coma un adestramento, pero as sensacións foron moi boas dende o inicio, e iso a pesar de que tivo que saír pola peor zona e nadar algúns metros extra. Rematou a natación, segunda, pero se atascou un pouco coas zapatillas polo que comezou a correr sexta. Despois estivo cómoda na carreira, sempre por detrás de Joselyn e Bonilla. Só nos metros finais, foi superada Levkovska, para chegar cuarta e segunda no Campionato de España. Sara Guerrero foi sétima no Campionato de España (novena na proba) e Melina Alonso, 14ª.

 

 

 

Quizáis che interese…