Galicia estará presente na Copa do Mundo de Triatlón de Palamós e na proba do circuíto World Triathlon Promaster que se celebrará esta fin de semana (13 e 14 de xullo) nesta localidade catalá. En total, case mil participantes en todas as probas que terán lugar ao longo da fin de semana.
O sábado 13 de xullo poderemos gozar coa competición do circuíto World Triathlon Promaster, que se disputa na distancia olímpica (1,5 de natación, 40 ciclismo e 10 de carreira a pe). Na proba masculina (17:00 horas) en representación do Wild Wolf Cidade de Lugo estará Pablo Dapena, mentres que polo Arcade Inforhouse compiten Antón Ruanova, Brais Canosa e Diego Paz. Na feminina, que comezará as 8:00 horas, estarán, entre outras, Saleta Castro (Wild Wolf) e Camila e Melina Alonso (Tríatlon Ferrol).
O domingo chega o momento da Copa do Mundo masculina e feminina, que se estrea nesta localidade e tamén se disputará sobre a distancia olímpica. Na proba masculina (12:00 horas) hai unha gran participación con 74 deportistas inscritos, entre os que figura o galego Uxío Abuín, que hai quince días logrou a cuarta posición no Campionato de Europa sub 23. Na categoría feminina (09:00 horas), Galicia estará representada por Marta Jiménez, que se está reencontrando na competición despois dunha longa lesión e Aída Valiño, que se atopa nun magnífico estado de forma.