GALICIA, OURO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON ESCOLAR POR SELECCIÓNS AUTONÓMICAS

19 de Xuño de 2016

Galicia acadou o título no Campionato de España de Tríatlon Escolar por Seleccións Autonómicas, que se disputou  esta fin de semana en Aguilar de Campoo (Palencia). Trala suma dos resultados das dúas xornadas de competición, Galicia logrou o primeiro posto cun total de 51 puntos, por diante de Madrid e Cataluña. Hoxe, na proba de relevos mixtos, Galicia logrou a terceira praza.

A selección galega chegaba á proba de relevos mixtos coas opcións intactas, xa que era segunda na clasificación provisional a so un punto de Cataluña, que era primeira. O equipo A galego estaba formado por Inés Castaño, Jorge González, Iria Rodríguez e Arturo Ramos, mentres que no B estaban Carmen Bello, Javier Pena, Salomé Calviño e Iván Puentes.

Na proba de relevos mixto, cada un dos integrantes (dous homes e dúas mulleres) realiza un mini-tríatlon de 300 metros de natación, 6 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe. E dende o inicio os nosos rapaces deixaron claro que querían loitar polo título. Así, trala quenda de Inés Castaño, o combinado madrileño con Lucía Salafranca lideraba a proba, mentres que Galicia era segunda a uns 35 segundos.

O segundo relevo foi Jorge González, que recortou distancias no segmento de natación, pero perdeu varios postos na bicicleta, para finalmente chegar ao momento de darlle o pase a Iria Rodríguez na terceira posición. Iria comezou a remontada xa na natación, na que remontou case 30 segundos a Castela e León e quedando a escasos segundos de Madrid. Na bicicleta logrou alcanzar ao representante de Madrid e rematou a faena na carreira a pe, unha das súas especialidades, para entregar a testemuña a Arturo Ramos en cabeza con uns 15 segundos de vantaxe sobre Madrid.

IMG-20160619-WA0005No último relevo, o representante de Valencia, Romaric Forques, iniciou unha gran remontada, mentres que Madrid e Galicia loitaban en cabeza polo primeiro posto. No segmento de bicicleta houbo un momento clave, cando Arturo caeu ao chan nun paso estreito, e aínda que se recuperou moi pronto, perdeu a roda do madrileño.

Así, parecía que o título se escapaba e máis cando Romaric conseguiu superar ao noso representante, pero o valenciano estaba imparable e logrou alcanzar e pasar ao deportista madrileño a falta de 300 metros para meta. Así, o primeiro posto foi para Valencia, a prata para Madrid e o bronce para Galicia.

Con estes resultados, o título foi para Galicia por só un punto de diferenza (51 puntos), mentres que Madrid foi prata (50) e Cataluña, bronce cos mesmos puntos.

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...