Galicia participará esta fin de semana en Aguilar de Campoo (Palencia) no Campionato de España de Tríatlon Escolar por Seleccións Autonómicas. A selección galega tentará loitar polos primeiros postos, aínda que falar de favoritos nestas categorías é moi complicado. A clasificación xeral de seleccións autonómicas sairá da suma dos resultados das probas individuais e da de relevos mixtos.
O sábado 18 de xuño celebrarase a proba individual, un tríatlon no que os participantes deberán facer 750 metros de natación (no embalse de Aguilar), 11 quilómetros de bicicleta e 3 de carreira a pe, con remate na Praza de España de Aguilar. En total participarán 17 comunidades e cada unha delas pode presentar un equipo de catro deportistas por categoría. Galicia presenta dous equipos completos. Na categoría feminina (10:00 horas) participarán Inés Castaño, Salomé Calviño, Carmen Bello e Iria Rodríguez (que foi prata o pasado ano). Na masculina (12:00 horas) os protagonistas galegos serán Jorge González, Iván Puentes, Arturo Rey e Javier Pena, un equipo completamente renovado con respecto ao pasado ano.
O domingo 19 de xuño (10:00 horas) celebrarase a proba de relevos mixto, na que participarán equipos formados por dous homes e dúas mulleres que realizarán un mini-tríatlon. Cada deportista terá que facer 300 metros de natación, 6 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe. A principal novidade é que a natación nesta proba realizarase no río Pisuerga ao seu paso pola vila, de forma que será unha proba moi sinxela de seguir polo público.
Ano 2015. Galicia acadou a medalla de bronce no Campionato de España de Tríatlon Escolar por seleccións autonómicas, que se celebrou o pasado ano en Águilas (Murcia). Coa suma dos resultados das dúas xornadas, Galicia conseguiu a medalla de bronce, por detrás de Andalucía (campioa) e Madrid (prata). Na proba individual, Iria Rodríguez logrou a medalla de prata, mentres que Marcos Ruíz foi oitavo. Nos relevos mixtos, Galicia A logrou a cuarta posición.