IRIA RODRÍGUEZ, OURO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON ESCOLAR POR SELECCIÓNS AUTONÓMICAS  

18 de Xuño de 2016

A galega Iria Rodríguez logrou o ouro na proba individual do Campionato de España de Tríatlon Escolar por Seleccións Autonómicas, que se está a celebrar esta fin de semana en Aguilar de Campoo (Palencia). Trala suma dos resultados da primeira xornada, Galicia é segunda por detrás de Cataluña, a so un punto. Mañá celebrarase a proba de relevos mixtos e coñeceremos a clasificación final.

IMG-20160618-WA0043No día de hoxe celebráronse as probas individuais, nas que os participantes tiveron que facer 750 metros de natación (no embalse de Aguilar), 11 quilómetros de bicicleta e 3 de carreira a pe, con remate na Praza de España de Aguilar. Os chicos foron os primeiros en competir, e o triunfo foi para Romaric Forques (Comunidade Valencia) cun tempo de 37:08. O primeiro galego foi Jorge González, que tras facer unha boa natación, estivo sempre no grupo de cabeza. Así, finalmente ocupou a sexta posición cun tempo de 38:57. Javier Pena, aínda que fixo unha boa natación, sufriu moito na bicicleta e perdeu posicións, polo que finalmente entrou en meta na 19ª posición. Arturo Ramos foi de menos a mais para alcanzar a 20ª posición e Iván Puentes, que tivo un mal día, rematou 37º.

IMG-20160618-WA0042Na proba feminina, triunfo de Iria Rodríguez que continúa imparable. A galega estivo sempre entre as mellores, despois dunha natación correcta e unha gran bicicleta, na que todas as integrantes do grupo cabeceiro colaboraron para aumentar as distancias coas perseguidoras. Así, Iria entrou na segunda transición nun grupo de seis deportistas e foi a máis rápida para saír na primeira posición. A carreira a pe foi determinante para confirmar a súa vitoria e chegar a meta con bastante vantaxe (25 segundos) sobre Lucía Salafranca (Madrid). O bronce foi para Esther Gómez (Castela e León). Inés Castaño e Salomé Calviño fixeron todo o sector de bicicleta xuntas, pero na carreira a pe Inés Castaño foi máis forte e logrou a 11ª posición, mentres que Salomé Calviño foi 13ª. Por último, sinalar que Carmen Bello (33ª) foi de menos a máis: Tras un mal segmento de natación, foi remontando nos outros dous sectores.

O domingo 19 de xuño (10:00 horas) celebrarase a proba de relevos mixto, na que participarán equipos formados por dous homes e dúas mulleres que realizarán un mini-tríatlon. Cada deportista terá que facer 300 metros de natación, 6 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe. A principal novidade é que a natación nesta proba realizarase no río Pisuerga ao seu paso pola vila, de forma que será unha proba moi sinxela de seguir polo público.

Ano 2015. Galicia acadou a medalla de bronce no Campionato de España de Tríatlon Escolar por seleccións autonómicas, que se celebrou o pasado ano en Águilas (Murcia). Coa suma dos resultados das dúas xornadas, Galicia conseguiu a medalla de bronce, por detrás de Andalucía (campioa) e Madrid (prata). Na proba individual, Iria Rodríguez logrou a medalla de prata, mentres que Marcos Ruíz foi oitavo. Nos relevos mixtos, Galicia A logrou a cuarta posición.

Quizáis che interese…

Abu Dhabi e Quarteira

Abu Dhabi e Quarteira

O venres comezaba unha fin de semana intensa seguindo os triatletas internacionais galegos....