ANTONIO SERRAT E CAMILA ALONSO DISPUTARÁN O CAMPIONATO DE EUROPA SUB 23 EN BULGARIA

16 de Xuño de 2016

Os galegos Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) e Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) participarán esta fin de semana no Campionato de Europa sub 23 que se celebrará en Burgas (Bulgaria).

O sábado 18 de xuño celebrarase o Campionato de Europa sub 23. A proba feminina, coa galega Camila Alonso, comezará ás 11:30 horas, conta coa inscrición de 44 deportistas de idades comprendidas entre os 18 e os 23 anos. Esta tempada Camila foi quinta na Copa de Europa de Melilla e logrou o primeiro posto no campionato Iberoamericano de tríatlon distancia sprint na Habana. A ferrolá estase a recuperar dunha rinitis.

Na proba masculina (17:00 horas) contaremos coa participación do vigués Antonio Serrat, que lucirá o dorsal número 3. O vigués tivo problemas no xeonllo as últimas semanas, pero xa está recuperado e con ganas de facer un bo traballo. Antonio logrou a segunda posición na Copa de Europa de Madrid e foi noveno na Copa do Mundo de Cagliari, como mellores resultados da presente tempada a nivel internacional. Nesta proba están inscritos un total de 65 deportistas de case 20 países europeos.

A proba sub 23 celebrarase sobre a distancia olímpica, polo que os deportistas terán que nadar 1.500 metros, facer 40 quilómetros en bicicleta e correr 10 quilómetros.

O domingo 19 celebrarase o Europeo de relevos sub 23, pero aínda non se coñecen os nomes dos deportistas que conformarán os equipos. Daranse a coñecer trala proba individual. En relevos as distancias serán de 300 metros de natación, 8 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe.

Resultados 2015. Antonio Serrat rematou nunha magnífica quinta posición no Campionato de Europa sub 23, que se celebrou o pasado ano en Banyoles.

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...