GALICIA PARTICIPARÁ ESTA FIN DE SEMANA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS

15 de Xullo de 2015

Galicia buscará loitar polo podio no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías, que se celebrará esta fin de semana en Almazán (Soria). A Federación Galega presentará un competitivo e renovado equipo tanto na categoría masculina coma na feminina, a pesar de contar con importantes ausencias por lesións ou a disputa doutras probas (Aída Valiño, María Ortega ou Pablo Dapena están lesionados, mentres que Fernando Alarza e Javi Gómez Noya están competindo nas Series Mundiais, por exemplo).

 

A expedición galega está composta por dous equipos de seis  deportistas. O feminino está formado por Saleta Castro, Melina Alonso, Inés Santiago, Camila Alonso, Joselyn Daniely Brea e Sara Guerrero;  mentres que o masculino contará con Antonio Serrat, Carlos Brión (en substitución do enfermo Luis Miguel Velasquez), Alberto Castiñeira, Abraham Roberto Castellanos, Martín Carrera e Ismael López.

 

O campionato individual celebrarase o sábado 18 de xullo sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20,1 quilómetros de bicicleta e 5,5 quilómetros de carreira a pe) e para a clasificación final se suman os postos dos catro mellores clasificados (cada equipo pode presentar un máximo de seis deportistas). As seleccións galegas contarán coa asistencia dos adestradores Omar González e Jonathan Cancela e dun delegado (José Enrique Hidalgo). A proba feminina comezará ás 17:00 horas do sábado, mentres que a masculina dará comezo ás 19.00 horas.

 

O domingo celebrarase a proba de relevos mixta a partir das 11:30 horas. O equipo estará formado por dous chicos e dúas chicas e as distancias serán de 300 metros de natación, 6,7 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pe. A autonomía que gane a xeral será a mellor da suma dos resultados das categorías masculina, feminina e relevos.

 

Resultados 2013. Galicia foi a mellor no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías do 2013, con triunfos nas categorías feminina e mixta, e prata na masculina, exactamente igual que no ano 2012. No ano 2014 Galicia non participou neste campionato de España, polo que non puido defender o título.

Quizáis che interese…

Acuatlón Castrelo do Miño

Acuatlón Castrelo do Miño

O pasado fin de semana celebrouse a Copa Deputación Ourense de Acuatlón - Acuatlón Castrelo de...