GÓMEZ NOYA E FERNANDO ALARZA VOLVEN ÁS SERIES MUNDIAIS DE TRÍATLON EN HAMBURGO

16 de Xullo de 2015

Hamburgo acollerá este sábado 18 de xullo a sétima  proba das Series Mundiais de Tríatlon, coa presenza dos galegos Javier Gómez Noya e Fernando Alarza. Despois de mes e medio de parón regresan as probas das Series Mundiais, nun momento decisivo da tempada.

 

Gómez Noya chega a esta proba liderando a clasificación provisional do mundial e despois do descanso que se tomou en Londres (última proba na que non participou o galego). Ademais, neste parón o noso deportista decidiu competir no Europeo a pasada fin de semana, con moi mala sorte para Gómez Noya, xa que sufriu unha caída na bicicleta, tivo que cambiar unha roda e ademais sufriu un corte no pe. Desta forma, haberá que ver en que condicións se atopa, xa que nos días seguintes estaba bastante machucado.

 

Pola súa banda, Alarza despediuse das Series Mundiais logrando a prata en Londres, o seu mellor resultado no Mundial, e na terceira posición da clasificación provisional do Mundial. Fernando espera seguir loitando cos mellores nunha proba que encanta aos triatletas polo magnífico ambiente que se pode vivir nas rúas.

 

A proba de Hamburgo disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe) e sen a presenza dos irmáns Brownlee, aínda que terá un altísimo nivel cos españois Gómez Noya, Alarza ou Mola; o francés Luis Vincent; Joao Silva ou Sven Riederer, entre outros.

 

As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os cinco mellores resultados sendo obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta.

 

Trala disputa das seis primeiras probas do Mundial, Javi Gómez Noya ocupa a primeira posición con 3.507 puntos, mentres que segundo clasificado é Mario Mola (2.979) e terceiro, Fernando Alarza (2.961).

 

Relevos mixtos. Hamburgo acollerá tamén a disputa do Campionato do Mundo de relevos mixtos, que terá lugar o domingo 19 de xullo. Será a sexta edición desta especialidade, na que os triatletas (dous homes e dúas mulleres) realizarán un mini-tríatlon (300 metros de natación, 6,6 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pe). Aínda non se coñecen os nomes dos integrantes dos equipos, que non se darán a coñecer ata o sábado. Na lista de saída están inscritos 18 equipos, entre eles España.

 

Quizáis che interese…