Javi Gómez Noya logrou a segunda posición na sétima proba das Series Mundiais de Tríatlon, que se celebrou hoxe en Hamburgo. O galego, que estivo nas primeiras posicións dende o inicio, chegou ao último quilómetro xunto a Vicent Luis, pero o francés foi mellor no sprint final. Fernando Alarza, que fixera un parón na súa preparación este pasado mes, rematou na 29ª posición.
Hamburgo é unha proba espectacular polo público e polo percorrido, moi complexo e fermoso. Por iso, Javi sabía o importante que era estar ben colocado dende a natación e non se despistou. Saíu da auga detrás dos grandes especialistas na cuarta posición para evitar quedar cortado. Así logrou entrar nun primeiro grupo formado por nove triatletas no que houbo relevos e colaboración e foron ampliando pouco a pouco as distancias cos deportistas que viñan por detrás. Inicialmente, había un segundo grupo (con Francesc Gody) e un terceiro, no que estaban dous dos favoritos, Mario Mola e Fernando Alarza. Na segunda volta do ciclismo os dous grupos perseguidores agrupáronse e, a pesar do esforzo, non puideron reducir as distancias cos homes que lideraban a proba, entre os que destacaban Gómez Noya, os franceses Vincent Luis, Dorian Conix e Pujales, ou o sudafricano Schoeman.
Na cabeza da proba, os nove triatletas traballaban moi ben, sabedores do importante que era chegar a T2 cuns segundos de vantaxe, sobre todo tendo en conta que a proba de Hamburgo celébrase sobre a distancia sprint, polo que 20 ou 30 segundos podían ser decisivos. Así, cando os líderes entraron na última transición con máis de 40 segundos de vantaxe sobre o segundo grupo, no que tiraba con forza Mario Mola, parecía claro que o triunfo que se decidiría entre eles.
So quedaban por diante cinco quilómetros e dende os primeiros metros da carreira a pe Vincent Luis e Javi Gómez Noya deixaron claro que a vitoria sería cousa de dous. Ambos imprimiron un ritmo imposible de seguir para os seus compañeiros de escapada, mentres que por detrás viña o correcamiños Mario Mola remontando.
Luis e Gómez Noya ían xuntos, facendo algúns intentos de ataque, pero nada importante ata o último quilómetro. Primeiro tentouno o galego, sen moita confianza xa que non tiña as mellores sensacións, e despois atacou dunha forma inapelable o francés, que nos últimos trescentos metros fixo un alarde de forza. Vincent Luis logrou o triunfo cun tempo de 51:54, mentres que Javi Gómez Noya entrou a catro segundos e terceiro foi Mario Mola, que fixo unha carreira a pe espectacular (52:20). Fernando Alarza, do grupo de Alto Rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, quedou descolgado dende o inicio e rematou na 29ª posición (53:41).
Ao remate da proba, o galego asegurou estar satisfeito polo resultado (o terceiro segundo posto que acada nas Series Mundiais deste ano) e xa pensa en Estocolmo, que se disputa sobre a distancia olímpica e se lle adapta moito mellor.
As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os cinco mellores resultados sendo obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta.
Trala disputa das sete primeiras probas do Mundial, Javi Gómez Noya continúa como líder provisional, agora con 3.705 puntos, mentres que segundo clasificado é Mario Mola (3.374) e terceiro, Fernando Alarza (2.961), que non sumou puntos nesta carreira. O dato máis destacado e que se suma, e con moita forza, á loita polo Mundial o francés Luis Vincent, que en catro carreiras disputadas acadou un triunfo, un segundo posto e dous bronces. Actualmente é o cuarto clasificado do Mundial.
Relevos mixtos. Hamburgo acollerá tamén a disputa do Campionato do Mundo de relevos mixtos, que terá lugar mañá 19 de xullo. Será a sexta edición desta especialidade, na que os triatletas (dous homes e dúas mulleres) realizarán un mini-tríatlon (300 metros de natación, 6,6 quilómetros de bicicleta e 1,6 de carreira a pe). Na lista de saída están inscritos 18 equipos, entre eles España.