GÓMEZ NOYA IMPÓN A SÚA FORZA NA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE TRÍATLON EN CHICAGO

30 de Xuño de 2014

Javier Gómez Noya sumou en Chicago a cuarta vitoria nas Series Mundiais de Tríatlon do ano 2014 e da así un paso moi importante cara a revalidar o título mundial. Ademais, Fernando Alarza logrou unha quinta posición que sabe a triunfo para o deportista do Centro de Alto Rendemento do CGTD.

Gómez Noya estivo sempre entre os primeiros. Saíu da natación (no lago Michigan) na segunda posición e comezou a bicicleta co grupo cabeceiro, no que tamén figuraba Fernando Alarza despois da primeira volta. Por detrás, no segundo grupo, traballaba Mario Mola para alcanzar aos líderes, algo que lograron na terceira volta do segmento de bicicleta, cando se formou un grupo dunhas trinta unidades aproximadamente.

Parecía que ían a chegar todos xuntos a T2, pero o neozelandés Tom Davison decidiu atacar e probar unha escapada en solitario, sobre todo porque sabía que pouco podería facer chegando en grupos con homes coma Gómez Noya, Mario Mola ou Joao Pereira. Cameron Good sumouse a Davison e xuntos lograron aumentar as distancias, que eran de 45 segundos cando chegaron á segunda transición.

Pero na carreira a pe os escapados comezaron a pagar o esforzo realizado, mentres que os favoritos ían apertando metro a metro. Un potente grupo de triatletas (Gómez Noya, Fernando Alarza, Joao Pereira, Adam Bowden, Alexander Bryukhankov e Richard Murray) “pillaron” primeiro a Davison e posteriormente a Good.

Trala primeira volta, Mola, Gómez Noya e o luso Pereira escaparon do resto e parecía claro que o podio estaba reservado para eles. Mentres, Fernando Alarza ocupaba a sexta posición, mantendo un ritmo moi alto.

Faltaba decidir a cor das medallas. Nun primeiro momento escaparon Noya e Mola, como xa sucedera en Yokohama, pero o ferrolán non esperou ao final para mostrar as súas armas. Antes da última volta atacou e deixou atrás ao balear, distancia que foi ampliando metro a metro, ata chegar a meta cun tempo de 01:47:21. Por detrás, Mario Mola perdeu a prata, ante o empuxe do portugués Joao Piñeiro que foi segundo (01:47:29), e Mola, bronce (01:47:40). Ademais, o galego Fernando Alarza remontou ata a quinta posición (01:48:05), nunha carreira impresionante.

Na clasificación provisional do Mundial, Javi Gómez Noya segue ampliando as distancias. Ten 3.742 puntos, mentres que o segundo, Mario Mola, conta con 3.322. Na novena posición figura Fernando Alarza (1.454).

 

Na carreira feminina, celebrada o sábado, participou a galega María Ortega, que rematou na 41ª posición e non logrou puntos para o ranking ITU. A deportista vai baixar o ritmo, xa que leva unha tempada moi cargada de competicións e adestramentos, para chegar ao remate da tempada en bo estado de forma.

 

 

 

 

 

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...