GÓMEZ NOYA, JESÚS GOMAR E ÓSCAR VICENTE, NA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE TRÍATLON EN KITZBÜHEL

4 de Xullo de 2013

A proba das Series Mundiais de Tríatlon de Kitzbühel, cunha dureza extrema, reunirá por vez primeira esta tempada aos irmáns Brownlee e Javier Gómez Noya. A cita será o sábado 6 de xullo (13:06) e tamén competirán os galegos Jesús Gomar e Óscar Vicente.

 Será a cuarta proba das Series Mundiais e a máis interesantes ata o momento tanto polos nomes dos seus participantes como polo percorrido absolutamente espectacular (no Corno de Kitzbühel), con impresionantes pendentes tanto no circuíto de bicicleta coma na carreira a pe. Por iso desapareceron as distancias habituais e a proba disputarase sobre unha distancia única en calquera proba do mundo: 750 metros de natación, 11,5 quilómetros de bicicleta e 2,55 quilómetros de carreira a pe. O segmento de bicicleta inclúe 867 metros de escalada cunha pendente de ata o 22 por cento e a chegada a meta ten 136 metros infernais.

Ao aliciente do trazado hai que sumarlle a presenza nesta localidade alpina dos irmáns Brownlee e Javi Gómez Noya, que competirán xuntos por vez primeira na tempada. Jonathan gañou as dúas probas nas que participou e Alistair a única na que saíu. Pola súa banda, Gómez Noya gañou a primeira das series en Australia e foi bastante regular ao participar en todas as probas. Por este motivo, é actualmente o líder mundial provisional.

 

Quizáis che interese…