GÓMEZ NOYA, MOI DISCRETO NA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE TRÍATLON EN KITZBÜHEL

6 de Xullo de 2013

 A espectacular proba das Series Mundiais de Tríatlon de Kitzbühel converteuse nun martirio para Javi Gómez Noya, que rematou na 13ª posición mentres que Alistair Brownlee foi primeiro e Mario Mola, prata. Óscar Vicente concluíu nunha moi boa 16ª posición, mentres que Jesús Gomar foi 37º.

 A proba comezou coa sorpresa da ausencia de última hora de Jonathan Brownlee, que sufriu unha intoxicación alimentaria. A competición disputouse nun formato atípico, comezando con 750 m de natación polo lago Schwarzsee. O segmento de natación era dominado polo eslovaco Varga, que se encamiñaba cara á T1 xunto co francés Raphael e Henri Schoeman. O primeiro español en completar o sector era Gómez Noya en sétimo lugar, a oito segundos do líder e seguido por Alistair Brownlee, oitavo. Mario Mola saía 18º da auga, a 25 s da dianteira, con Jesús Gomar e Óscar Vicente rematando a natación máis atrasados.

A continuación iniciábanse os impresionantes 11.55 qm ciclistas, por un dos percorridos máis esixentes do circuíto das Series Mundiais; incorporando 867 m de escalada e un quilómetro final con pendentes que oscilan entre 17 e 22%. Ao inicio deste, Brownlee e Gómez Noya encabezaban a proba nun grupo composto por 14 triatletas. Non obstante ao pouco de comezar a forte escalada, o británico escapábase con Noya aguantando o ritmo de Brownlee nos primeiros instantes. O campión olímpico en Londres, impuxo un ritmo moi alto e lograba superar o galego, e progresivamente ía aumentando a súa vantaxe. Gómez Noya continuou loitando nas primeiras prazas durante boa parte do segmento, pero pouco a pouco foi perdendo forza.

Por diante, Brownlee seguiría imprimindo un gran ritmo no transcurso dos 2,5 qm de carreira a pé polo chamado Corno de Kitzbühel, para finalmente obter unha cómoda vitoria na localidade austríaca. A 37 segundos do triatleta de York, entraba Mario Mola, que tras brillar no arduo segmento ciclista, conseguía a mellor marca do sector de carreira a pé. O bronce foi para Sven Rieder, que se facía coa terceira praza cruzando a liña de meta tan só tres segundos por diante do cuarto clasificado, o sudafricano Schoeman.

Pola súa banda, o ferrolán, que chegaba minguado tras unha caída sufrida poucos días antes da cita, logrou a 13ª praza. Pero Gómez Noya, non quixo escusarse, e declaraba tras a proba que “non me encontrei con forzas, as pernas non me respondían…” comentando que espera recuperar o seu mellor estado de forma para afrontar as próximas probas. Por detrás, o tamén galego Óscar Vicente remontou no último segmento alcanzando a 16ª posición; en tanto que Jesús Gomar remataba en 37º lugar.

Despois da xornada de hoxe, Gómez Noya continúa á fronte do ranking da ITU con 2744 puntos, aínda que se lle complica a loita polo título. Mentres que Mola se sitúa en segunda posición con 2699 puntos e o luso Joao Silva ocupa a terceira praza con 2422 puntos. A próxima etapa das Series Mundiais recalará en Hamburgo entre o 20 e 21 de xullo.

Quizáis che interese…