GÓMEZ NOYA REENCONTRARASE CON ALISTAIR BROWNLEE EN YOKOHAMA NA TERCEIRA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE TRÍATLON

15 de Maio de 2014

 Javier Gómez Noya buscará a terceira vitoria na proba das Series Mundiais de Tríatlon, que se celebrará na madrugada do sábado 17 de maio (06:00 horas) en Yokohama (Xapón). Un dos principais alicientes da proba será ver o primeiro duelo da tempada entre Gómez Noya e Alistair Brownlee, que se estreará no 2014. E os seguidores do tríatlon galego terán que estar pendentes de Fernando Alarza e Uxío Abuín (elite masculina), María Ortega e Melina Alonso (elite feminina) e Susana Rodríguez (paratríatlon).

Javi non se sinte especialmente cómodo en Xapón, onde aínda non logrou gañar. Pero este ano chega nunha posición moi cómoda, despois de lograr dous triunfos nas dúas primeiras probas das Series Mundiais, nas que Jonathan Brownlee (gañador de Yokohama en 2013) non puido aguantarlle o ritmo na carreira a pe. Así, Gómez Noya terá que enfrontarse aos dous irmáns por vez primeira na tempada, ademais de Mario Mola, que tentará evitar quedar cortado na auga, aspecto que foi crucial nas dúas probas anteriores. E en representación do tríatlon galego estarán Fernando Alarza (que ven de facer un espectacular traballo na Copa do Rei) e Uxío Abuín.

Na rolda de prensa en Yokohama o ferrolán sinalou: “Estou moi feliz de estar aquí de novo en Yokohama. A miña tempada comezou moi ben, realmente non puido ser mellor. Estiven adestrando ben en casa despois da última proba en  Cidade do Cabo. Esta é a miña cuarta participación aquí, coñezo ben o percorrido e espero ter outra boa carreira o sábado”.

Nestes momentos, a clasificación provisional do mundial está encabezada por Javier Gómez Noya, con pleno de vitorias e 1.600 puntos. Na segunda posición está Jonathan Brownlee (1.480) e Mario Mola ocupa a cuarta posición con 1.097 puntos.

Na carreira feminina, tamén teremos representación. Melina Alonso e María Ortega buscarán sumar puntos ITU, a pesar da dificultade da tarefa ao competir coas mellores triatletas do mundo.

A proba de Xapón desenvolverase na distancia olímpica, é dicir, 1,5 quilómetros de natación dende o embarcadoiro de Osanbashi. Despois realizarán 40 quilómetros de bicicleta e finalizarán cunha carreira a pe de 10 quilómetros con saída e chegada no parque nacional Yamashita.

Ademais, en Xapón xa se atopa Susana Rodríguez Gacio, que competirá xunto á súa guía Mayalen Noriega, en paratríatlon na categoría TRI 6b (para deportistas con impedimentos visuais). As distancias no paratri son de 750 metros de natación, 20 quilómetros en bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe.

Quizáis che interese…