O IX TRÍATLON DE RIAZOR CELEBRARASE O SÁBADO 17 DE MAIO CON 444 INSCRITOS

15 de Maio de 2014

O sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas,  disputarase nas inmediacións da praia de Riazor o IX Tríatlon de Riazor -primeira proba da tempada galega de tríatlon 2014 e clasificatoria para o Campionato Galego- con case 450 deportistas inscritos.

En total participarán 444 deportistas, na que será a primeira proba do calendario galego de tríatlon da presente tempada. Haberá cinco saídas, xa que este ano incorpórase o Nada e Corre (non competitivo). Ás 10:00 horas comezará a proba popular, que conta con 122 inscritos e na que as distancias son máis curtas (300 metros de natación, 10,6 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe).

A proba feminina iniciarase ás 12:10 horas con 32 participantes, con Marta Barbeito (A.D. Fogar), María Martínez (Atletismo Porriño), Xiana Rendo (Dexter Compostela) e as cadetes Carla Castaño (Arcade Inforhouse) e Sara Guerrero ((Tríatlon Ferrol) entre as favoritas. Na  proba masculina haberá dúas saídas: ás 11:00h comezará a proba A con 160 deportistas, mentres que ás 12:30 horas será a saída elite masculina (63). Entre os inscritos, deportistas de alto nivel coma Brais Canosa (Arcade Inforhouse), José Manuel Pardo Leis (Muralla de Lugo), Pedro Antonio Esmorís (Muralla de Lugo) ou Diego Paz (Arcade Inforhouse). A carreira federada disputarase na modalidade de sprint, con 750 m de natación na praia de Riazor, a continuación 21,2 quilómetros do segmento de ciclismo e finalizarán coa carreira a pe de 5 quilómetros.

A festa do tríatlon na Coruña finalizará coa disputa do Nada e Corre (13:45 horas) para os máis cativos (de 9 a 12 anos), cunha inscrición de 67 deportistas. É unha proba sen carácter competitivo e as distancias son de 150 metros de natación e 500 de carreira a pe.

Esta proba, organizada polo club Tríatlon Coruña, a Federación Galega de Tríatlon e o Concello da Coruña, estaba prevista para o domingo 18 de maio, pero tivo que ser adiantada por coincidir coa celebración do partido de fútbol Deportivo da Coruña-Eibar e ser imposible realizar ambas actividades deportivas á vez por cuestións de seguridade.

 

Quizáis che interese…

Abu Dhabi e Quarteira

Abu Dhabi e Quarteira

O venres comezaba unha fin de semana intensa seguindo os triatletas internacionais galegos....