GÓMEZ NOYA, SEGUNDO EN EDMONTON NUNHA PROBA DURÍSIMA POLO FRÍO

7 de Setembro de 2015

Javier Gómez Noya acadou un magnífico segundo posto na penúltima cita das Series Mundiais do 2015 en Edmonton, nun día marcado polo frío e a chuvia. O galego quedou por diante dos seus principais rivais na loita polo título mundial, aínda que se incorporou a esta disputa Richard Murray, ao acadar hoxe o triunfo en Edmonton.

A auga estaba moi fría e con chuvia, polo que as condicións da proba de Edmonton era moi duras para os deportistas. Javi non estivo nas primeiras posicións na natación e tampouco foi o primeiro, coma case sempre, Richard Varga. Nesta oportunidade o primeiro en deixar a xélida auga foi o francés Raoul Shaw e co seu compatriota Vincent Luis moi preto. Javi saiu a quince segundos, pero o galego non permitiu unha escapada e en menos dun quilómetro sumouse aos primeiros, entre os que estaba Vincent Luis, un dos seus principais rivais.

A bicicleta estaba complicada, pola auga acumulada no chan, pero os triatletas non arriscaron en exceso para evitar caídas. Por detrás, un segundo grupo con Mario Mola, que logrou alcanzar ao primeiro e así, case todos xuntos, chegaron a T-2, con moito frío e 5 quilómetros por diante para a carreira a pe.

Vincent Luis fixo unha mala transición, na que perdeu varios segundos, mentres que en cabeza marcharon Richard Murray e Javi Gómez Noya, que xa non abandonaron eses postos de cabeza. Xuntos ata o final, con Murray tirando sempre e Javi aguantando, aínda que co sufrimento debuxado na súa cara. Por detrás, Mario Mola ía remontando posicións, mentres que o frances Luis, que parecía case afundido ao inicio da carreira a pe, foi encontrando sensacións e logrou recuperar quilómetro a quilometro.

En cabeza, Richard Murray non lograba deixar atrás a Gómez Noya, ata que nos últimos 200 metros, logra aumentar lixeiramente a distancia para entrar en meta (53:19) con escasos catro segundos sobre Javi Gómez Nota. O podio completouse con  Mario Mola, mentres que Luis foi cuarto.

As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os cinco mellores resultados sendo obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta (1.200 puntos para o gañador).

Quizáis che interese…