GRANDES RESULTADOS NO EUROPEO DE LISBOA

28 de Maio de 2016

O Europeo de Lisboa serviu para que Gómez Noya mostrase as súas credenciais cara aos Xogos de Río. O ferrolán logrou o seu cuarto Europeo, nunha proba que controlou de principio a fin. Pola súa banda, o vigués Antonio Serrat, que arrastraba molestias nun xeonllo, rematou na 24ª posición, no seu debú nun Europeo sénior. Na categoría júnior, gran actuación da galega Inés Santiago, que quedou moi preto das medallas. Inés foi cuarta, mentres que Carmen Gómez ocupou a décima posición. Ambas estás clasificadas para disputar o Mundial. En júnior masculino, Andrés Cendán, con problemas na bicicleta,  foi 39º.

Júnior. Na categoría feminina as nosas deportistas Inés Santiago e Carmen Gómez estiveron a un nivel excepcional. Inés saíu en cabeza dende a natación, abandonando a T1 nun grupo de seis triatletas, mentres que Carmen estaba moi preto, a só 13 segundos.

 E esa foi a dinámica durante o resto da proba: Con Inés e Carmen no grupo de cabeza ata a saída da segunda transición. Quedaban por diante 5 quilómetros de carreira a pe nos que se ía a decidir todo. E así, Carmen foi quedando un pouco descolgada, mentres que Inés seguía con opcións de podio, na cuarta posición. Ao final, escapouse o podio, pero excepcional a actuación de Inés Santiago, no seu cuarto posto (01:03:26). Carmen Gómez (01:04:22) tamén entrou no top-ten coa súa décima posición e ambas lograron clasificarse para o Mundial.

Na categoría júnior masculina, contabamos con Andrés Cendán que ía no grupo cabeceiro. Saíu da auga en novena posición e estivo no primeiro grupo na bicicleta ata que tivo un problema que lle fixo perder moito tempo e posicións. Ao remate, 39ª posición para o galego, mentres que o triunfo foi para o español Javier Lluch.

Na proba elite masculina, exhibición do pentacampión do mundo Javier Gómez Noya, que dominou a proba de principio a fin, e se marchou en solitario na carreira a pe, para acadar o seu cuarto Europeo. A prata foi para o ruso Dmitry Polyanskiy e o bronce, para o suizo Andrea Salvisberg.

Pola súa banda, o galego Antonio Serrat tivo algúns problemas. Na natación estivo bastante cómodo e preto do primeiro grupo, formado por catorce deportistas. Ao saír da T1, a distancia estaba en torno aos 30 segundos, pero na bicicleta foi en aumento ata superar o minuto. A falta de dúas voltas para rematar o segmento, Antonio logrou escapar do segundo grupo xunto ao británico Sheldon, e así chegaron á T2 moito máis preto dos primeiros. Pero na carreira a pe, Serrat acusou os problemas que tiña nun xeonllo, polos que levaba varios días sen adestrar, e sufriu para rematar a proba (24º).

 

 

 

 

Quizáis che interese…