GUSTAVO RODRÍGUEZ DISPUTARÁ MAÑÁ O MUNDIAL DE TRÍATLON DE LONGA DISTANCIA EN SUECIA

26 de Xuño de 2015

O galego Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) disputará mañá 27 de xuño (a partir das 09:00 horas) o Campionato do Mundo de Longa Distancia, que se celebrará en Motala (Suecia). Ademais o tudense enfronta esta proba coa satisfacción de saber dende hai uns días que é gañador do ránking da ITU de Longa Distancia no ano 2014.

Será unha durísima proba para Gustavo, que traballa principalmente a media distancia, polo que aínda non sabe como responderá nestas condicións: 4 quilómetros de natación (a súa proba máis frouxa), 120 de ciclismo e 30 quilómetros de carreira a pe. A tempada do galego está a ser espectacular na media distancia, con triunfos en Zarautz, Bilbao ou Pamplona. Gustavo, co título de campión do ránking da ITU, figura entre os favoritos para loitar polos primeiros postos, xunto co francés Cyril Viennot, que foi bronce no 2014. O campión do mundo dos anos 2013 e 2014, Bertrand Billard, non participará no Mundial.

Ano 2014. Gustavo Rodríguez rematou na sexta posición do Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia, que se celebrou en Weihai (China). Era a primeira vez que o tudense disputaba esta proba e o seu debut foi moi positivo, sen dúbida algunha.

 

Quizáis che interese…