Galicia participará esta fin de semana en Águilas (Murcia) no Campionato de España de Tríatlon Escolar por Seleccións Autonómicas. A selección galega tentará loitar polos primeiros postos e poder acadar un posto no podio, pero enfronte estarán rivais tan fortes coma Madrid, Valencia ou Andalucía.
O sábado celebrarase a proba individual, un tríatlon no que os participantes deberán facer 750 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pe. En total participarán 19 comunidades e cada unha delas pode presentar un equipo de catro deportistas por categoría. Galicia presenta unha selección moi regular: Na categoría feminina (10:00 horas) participarán Inés Castaño, que entrou onte na convocatoria en substitución de Isabel Rodríguez (Cidade Lugo), con molestias nas costas, Raquel Ruíz (Tríatlon Ferrol), Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) e Rebeca Carnota (A.D. Fogar). Na masculina (11:15 horas) os protagonistas serán Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol), Víctor Souto (A.D. Fogar), Alejandro Pardo (A.D: Fogar) e Manel Rey (Talleres David Compostela).
O equipo, que viaxou onte pola noite en dirección a Águilas, estivo concentrado toda a semana no Centro Galego de Tecnificación Deportiva en Pontevedra preparando este campionato xunto ao seleccionador Jonathan Cancela.
O domingo 28 de xuño (10:00 horas) celebrarase a proba de relevos mixto, na que participarán equipos formados por dous homes e dúas mulleres que realizarán un mini-tríatlon. Cada deportista terá que facer 300 metros de natación, 6 quilómetros de bicicleta e 1,5 de carreira a pe.
No ano 2014 Galicia logrou a medalla de prata na clasificación xeral do Campionato de España de Tríatlon Cadete por seleccións autonómicas, que se celebrou en Allariz. Valencia proclamouse campioa de España.