GUSTAVO RODRÍGUEZ E ALMUDENA VÁZQUEZ GAÑAN A PROBA DE MEDIA DISTANCIA DO CIRCUÍTO IBÉRICO DE TRÍATLON EN TUI

3 de Agosto de 2014

Galicia logrou magníficos resultados na segunda proba do Circuíto Ibérico de Tríatlon, que se celebrou hoxe en Tui. Na media distancia, os gañadores foron os galegos Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) e Almudena Vázquez (Trinor Vigo), mentres que na distancia olímpica logrou o triunfo a deportista do Tríatlon Morrazo, Mar Villar.

 A proba de Tui estivo rodeada de polémica, xa que a organización tivo cambiar o circuíto de bicicleta e non houbo unha comunicación pública sobre o novo percorrido, o cal causou un gran malestar entre os participantes, que se atoparon co novo deseño ao chegar a Tui. Desta forma, houbo un importante número de baixas entre os inscritos, que se sentiron prexudicados. Iso si, hai que destacar o bo traballo da organización durante a proba para evitar accidente (non houbo), así coma as atencións que tivo cos deportistas.

En Tui celebráronse dúas probas: Unha de media distancia (1.9 quilómetros de natación, 9o quilómetros de bicicleta e 21 de carreira a pe) e outra de distancia olímpica (1.500-40-10).

Na media distancia, dobre triunfo para a Federación Galega de Tríatlon. Gustavo Rodríguez, que gañara a primeira proba do Circuíto Ibérico, repetiu vitoria (04:14:43). O galego foi o segundo no segmento de natación, para poñerse en cabeza na bicicleta e ser o mellor nos dous últimos segmentos. Na categoría feminina, o primeiro posto foi para Almudena Vázquez (Trinor Vigo), que liderou a proba dende a natación, e non abandonou xa esa posición de privilexio ata entrar en meta.

Na proba da distancia olímpica, os gañadores foron o portugués Leonardo Nunes e a galega Mar Villar (Tríatlon Morrazo). Villar foi en cabeza dende o primeiro segmento e con moita superioridade, o que lle permitiu regular as forzas no tramo final, para chegar a meta con máis de seis minutos da vantaxe sobre a segunda clasificada (Isabel Flores, Pozuelo Los Tigres).

O Circuíto Ibérico de Tríatlon xurde pola iniciativa da Federación Galega de Tríatlon, que negociou cun empresario portugués, e posteriormente involucráronse a Federación Española e a de Castela e León. Desta forma, o circuíto consta de catro probas: A primeira tivo lugar no mes de abril en Ovar (Portugal); hoxe celebrouse a segunda en Tui; o día 31 de agosto a competición desenvolverase en Viana do Castelo e o circuíto finalizará coa proba de Sanabria (21 de setembro). En Ovar, resultaron gañadores na proba de media distancia Gustavo Rodríguez e Aída Valiño.

 

 

Quizáis che interese…