O galego Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) logrou a vitoria, por segundo ano consecutivo, no Tríatlon Bilbao de Media Distancia, que se disputou onte 30 de maio. Ademais, na categoría feminina, Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) foi bronce, na primeira carreira de media distancia que disputa.
Gustavo partía como favorito na proba, xunto ao tamén galego Uxío Abuín, que está a facer unha tempada excepcional. E no primeiro segmento, Uxío estaba no grupo cabeceiro, formado por cinco deportistas, mentres que Gustavo saía da auga con catro minutos de desvantaxe. Tocaba remontar, pero o tudense xa está acostumado.
Así no sector de ciclismo foi o mellor con moita diferencia e logrou chegar a segunda transición na segunda posición, so por detrás do ruso Krilov (con uns 30 segundos de vantaxe). O máis complicado xa estaba feito, e Rodríguez non se detivo ata superar ao líder e marcharse en solitario en dirección a meta, a onde chegou con máis de minuto e medio de distancia sobre o segundo, Krilov.
Pola súa banda, Uxío Abuín cruzou a liña de meta na cuarta posición, pero foi descualificado por non parar no penalti box. O galego foi penalizado polos xuíces por non guardar a distancia cos rivais na bicicleta, xa que nesta proba non se pode correr en pelotón, e as veces iso provoca problemas cos triatletas que non están demasiado acostumados.
Na categoría feminina, bo debú de Joselyn Brea na media distancia. A venezolana con licenza galega sufriu na bicicleta sen drafting, polo que tivo que cumprir un penalti box, e despois fixo un espectacular terceiro parcial na carreira a pe, que lle permitiu recuperar moitísimas posicións ata acadar a terceira posición no podio por detrás de Gurutze Frades e Judith Corachán.