Inés Santiago (Tríatlon Ferrol), Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) e Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) participarán o sábado 24 de xuño no Campionato de Europa de Tríatlon distancia Sprint, que se celebrará en Düsseldorf (Alemaña).
Os nosos deportistas chegan a esta cita nun bo momento. Inés Santiago competirá na proba feminina (12:00 horas), despois de facer un 18º posto na Copa do Mundo de Cagliari e disputar o Campionato de España de Tríatlon por Clubs en Pontevedra. Inés, que o pasado ano rozou a medalla no Europeo e no Mundial júnior, está moi acostumada a esta distancia e pode loitar coas mellores, se fai unha boa natación, como nos ten acostumados. O pasado ano, aínda júnior, competiu neste mesmo Europeo e foi sétima.
Na proba masculina (14.30 horas), teremos a dous representantes galegos e ambos teñen opcións a loitar polos primeiros postos. E proba diso é que a semana pasada ambos estiveron moi preto das medallas no Europeo distancia olímpica. Antonio está moi cómodo na distancia sprint, pero Uxío ten un final moi forte na carreira a pe, así que ambos poden estar nos postos de prestixio. Pero a participación é dun nivel altísimo con David Castro, Joao Silva, Joao Pereira, os Poliansky, Pevtsov, Vincent Luis… Sen dúbida, unha gran proba. As distancias serán de 750 metros de natación, 20,8 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pe.