INÉS SANTIAGO E ANDRÉS CENDÁN, PRATA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA CADETE DE DUATLÓN DE AVILÉS

5 de Abril de 2014

Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Andrés Cendán (Dexter Compostela) lograron hoxe en Avilés o subcampionato de España de Duatlón na categoría cadete. Ademais, Susana Rodríguez logrou o título de campioa de España en paraduatlón e o Tríatlon Ferrol logrou o título de campión de España de clubs cadetes femininos.
Hoxe disputouse a primeira xornada do Campionato de España coa celebración das probas cadete, paraduatlón e grupos de idade. As e os cadetes foron os encargados de abrir o programa de actos e cunha enorme participación. Andrés Cendán quedara o pasado ano ás portas do podio nun apertado final. E este ano quería a medalla que se lle escapou no 2013 por só uns segundos. E logrouno. Foi unha carreira moi apertada durante os tres sectores, onde só Javier Lluch (número 1 do ranking) tentou romper a carreira no primeiro segmento, pero houbo un agrupamento na bicicleta e chegaron a segunda transición moi xuntos. Cando comezaron a correr formouse un grupo de 15 deportistas que foron os que loitaron polo triunfo. Ao final, o galego logrou a prata (28:48) por detrás de Alberto González (28:41), que o pasado ano fóra segundo, mentres que Javier Lluch (campión 2013) foi bronce. Na clasificación de clubs, cuarta posición para o Dexter Compostela.
Na categoría feminina houbo boas noticias para as galegas. Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) repetiu a medalla de prata acadada o pasado ano en Pontevedra (32:17), nesta oportunidade por detrás de Cecilia Santamaría (32:08). A medalla de bronce foi para Ana Carvajal, que tamén ocupara o terceiro posto o pasado ano. Aquí as medallistas tiveron unha proba bastante cómoda, porque no último segmento estaban xa elas tres soas e moi pronto se definiron as posicións, polo que se limitaron a vixiarse.
DSC_5713 - copiaAdemais, na clasificación de clubs femininos, o Tríatlon Ferrol (con Inés Santiago, Carmen Gómez, que foi sétima, e Sara Guerrero, na undécima posición) logrou o título de campión de España.
En Paraduatlón, hai que destacar o título de campioa de España de Susana Rodríguez (con Beatriz Tenreiro como guía, ambas do Cidade de Lugo) na categoría TRi6-B, para deportistas con discapacidade visual, mentres Diego Calvete en TRI-4 (Tri-Penta Terras de Lugo), na súa primeira proba, foi cuarto clasificado. O pontevedrés, que ven do atletismo, destacou na carreira a pe, pero perdeu moito tempo na bicicleta, onde aínda ten moito que mellorar. As distancias foron de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 quilómetros de bicicleta e 2,5 de carreira a pe).
Ademais, celebrouse a competición dos grupos de idade. A proba da distancia sprint comezou ás 15:45 horas e en xogo estaba o pase para o Mundial de Pontevedra: Clasificáronse os quince primeiros de cada grupo. Hai que recordar que o prazo de inscrición nos grupos de idade do Mundial finaliza o 15 de abril.
Mañá domingo 6 de abril, a primeira das probas en disputarse será a júnior masculina (09:00 horas), onde as principais aspiracións galegas están postas no vigués Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), recén chegado da súa xira por Chile e Arxentina cos integrantes do Grupo de Alto Rendemento do CGTD. O pasado ano, no Campionato de España de Duatlón disputado en Pontevedra foi prata. Nesta proba hai 91 inscritos, dos cales 15 son galegos.
Na categoría feminina (09:02), hai 22 deportistas inscritas e entre elas Diana Cotón (Arcade Inforhouse), Xiana Rendo (Dexter)  ou Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo). As distancias son: 5- 20 – 2,5.
Elite. As 10:30 horas comezará a proba de elite feminina, con máis de 50 participantes, e entre elas as galegas Silvia Deira (Arcade Inforhouse) e Silvia Veira (Arcade). Na categoría masculina (12:00 horas) Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) tentará repetir o podio do pasado ano (foi prata). Estase a recuperar dunha caída que sufriu hai pouco máis dunha semana e aínda que non se atopa ao cento por cento, confía nas súas posibilidades. Na proba masculina hai unha importante lista de espera na inscrición, ao encherse as 100 prazas dispoñibles. Entre os inscritos contamos coa presenza de dez galegos. Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Diego Paz (Arcade) son outros dos representantes da FEGATRI que tentarán loitar polos primeiros postos. A proba de elite disputarase sobre as distancias de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe.

2014.Campeonato.de_.Espa_.Duatlon.Aviles.CDF_

2014.Campeonato.de_.Espa_.Duatlon.Aviles.CDM_

2014.Campeonato.de_.Espa_.Duatlon.Aviles.Clubes.CDF_

2014.Campeonato.de_.Espa_.Duatlon.Aviles.Clubes.CDM_

2014.Campeonato.de_.Espa_.Duatlon.Aviles.Paraduatlon.F

2014.Campeonato.de_.Espa_.Duatlon.Aviles.Paraduatlon.M

Quizáis che interese…

Oleiros é Tríatlon

Oleiros é Tríatlon

[Actualizado 13:00 01 de Junio de 2021] Xa temos os gañadores e as clasificacións do Tríatlon de...