Magnífica actuación de Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) na Copa de Europa de Tríatlon de Wuustwezel (Bélxica), onde acadou a quinta posición. Ademais, Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) foi 18ª e Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol), 26ª.
As galegas, que estiveron toda a semana adestrando en Bélxica, chegaban a esta cita en diferentes circunstancias. Tanto Camila como Carmen arrastraban molestias físicas, mentres que Inés estaba nunha moi boa liña. Así, Inés logrou ser das mellores na auga, xunto coa española Cecilia Santamaría, o que lles permitiu entrar no primeiro grupo da bicicleta, formado por seis triatletas. Por detrás, Carmen e Camila (aínda con molestias no ombreiro) sufriron moito na natación, na que houbo moitos golpes, e perderon uns 40 segundos que as deixaron no segundo pelotón.
As distancias foron a máis durante os 20 quilómetros de ciclismo, de forma que as escapadas tiñan máis de un minuto de distancia sobre o grupo principal. Así, todo estaba pendente dos 5 quilómetros de carreira a pe, na que un grupo de tres (Valerie Barthelemy, Zsanett Bragmayer e Cecilia Santamaría) lograron distanciarse para xogarse as medallas nun emocionante sprint final. Finalmente o triunfo foi para Valerie Barthelemy, con Bragmayer na segunda posición e Cecilia, de terceira. Inés non puido aguantar no tramo final e ocupou finalmente a quinta posición cun tempo de 01:01:01. Por detrás, Camila Alonso foi 18ª (01:02:31) e Carmen Gómez, que aguantou bastante ben a carreira a pe a pesar de levar semanas sen adestrar a carreira, foi 26ª (01:03:19).
A Copa de Europa de Tríatlon de Wuustwezel disputouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe).
Enlace aos resultados: