Magnífica remontada de Iván Raña na carreira a pe, que lle permitiu rematar o Mundial de Ironman de Kona (Hawai) no top ten, ao acadar a novena posición. Pola súa banda, Saleta Castro, na súa primeira participación en Hawai, logrou a 32ª posición.
Iván Raña foi de menos a máis. Na natación (3,8 quilómetros) saíu da auga na posición 18ª, a uns 45 segundos do líder, o canadense McMahon. Chegaba o momento de enfrontar 180 quilómetros en bicicleta nos que na primeira parte do segmento estivo no grupo de cabeza, pero despois perdeu algún tempo. Así, chegou a T2 na posición 26. Pero chegaba o momento do ordense que fixo unha maratón espectacular. Acadou o quinto mellor tempo dos participantes e remontou moitas posicións ata colocarse na novena praza cun tempo final de 08:21:51. O galego amosou a súa satisfacción polo posto acadado aínda que quere máis: “Sei que podo facelo mellor”.
O título de campión do mundo foi para o alemán Jan Frodeno (08:06:30), que defendía o título do pasado ano. Houbo triplete alemán no podio, xa a que a segunda posición foi para Sebastián Kienle (08:10:02) e o bronce para Patrick Lange (08:11:14).
Pola súa banda, Saleta Castro logrou a 32ª posición no seu debut no Mundial de Kona, polo que cumpriu así o seu obxectivo que era rematar a proba e coller experiencia cara ao futuro. A nosa deportista rematou o primeiro segmento de natación na posición 18ª (a 5:24 da líder) e perdeu bastantes postos nos 180 quilómetros de ciclismo, con moito vento e moito sufrimento para a pontevedresa. Así, chegou a T2 na 40ª posición.
Na carreira a pe remontou algúns postos e rematou bastante ben os últimos dez quilómetros, o cal lle permitiu chegar a meta na 32ª posición cun tempo final de 10:17:50. O título de campioa do mundo foi para a suiza Daniela Ryf, que logrou revalidalo e ademais conseguir o récord desta durísima proba.
Por último sinalar, que Iván Cáceres rematou na oitava posición do seu grupo de idade (25-29 anos).
As distancias do Ironman son de 3,8 quilómetros de natación, 180 quilómetros de bicicleta e 42,2 quilómetros de carreira a pe e na proba de Hawai participan máis de dos mil deportistas entre profesionais e grupos de idade.