CAMILA ALONSO LOGRA O TRIUNFO NO GRAN PREMIO DE ESPAÑA COFIDIS EN MAR DE PULPÍ

8 de Outubro de 2016

Espectaculares resultados das e dos triatletas galegos no Gran Premio de España Cofidis, que se disputou hoxe en Mar de Pulpí. Na categoría feminina, Camila Alonso (Triatlon Ferrol) acadou o triunfo cunha magnífica carreira a pe, mentres que Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) foi prata. Na proba masculina, Uxío Abuín (Tríatlon Arteixo) logrou a segunda posición e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) foi cuarto.

Na categoría feminina, Camila Alonso logrou o triunfo facendo un magnífico sector de carreira a pe, no que remontou varias posicións ata acadar o triunfo. Sara Bonilla liderou a proba dende o inicio, facendo unha magnífica natación e unha espectacular bicicleta, que lle permitiu chegar a T2 con 50 segundos sobre as perseguidoras.

Pero Sara sufre neste último sector, mentres que Camila Alonso e Joselyn Brea foron medrando e, cuns parciais espectaculares, lograron superala de forma clara. Así o triunfo foi para Camila Alonso (01:02:40), mentres que segunda foi Joselyn Brea (01:03:18) e terceira Sara Bonilla (01:03:24). O quinto posto foi para Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) cun tempo de 01:03:44.

Na proba masculina, os galegos estiveron metidos na loita polo podio dende o inicio, nunha proba moi axustada. Así, despois dunha natación e unha bicicleta moi competida, todo se decidiu no último segmento, xa que aproximadamente vinte deportistas chegaron xuntos á T2. E xa dende o inicio foron caendo triatletas do grupo para formarse un cuarteto moi interesante no que figuraban dos galegos: Uxío Abuín e Antonio Serrat. Xunto a eles o que parecía gran favorito, David Castro, e Roberto Sánchez. Desta forma, todo se decidiu nos últimos cincocentos metros, nos que David Castro atacou e logrou marcharse en solitario cara a liña de meta (55:10). A segunda posición foi para Uxío Abuín (55:15), mentres que o bronce foi para Roberto Sánchez (55:24). O vigués Antonio Serrat, con problemas de flato novamente, acadou a cuarta posición cun tempo de 55:29.

A competición disputouse sobre a distancia sprint, é dicir, 750 metros de natación, 20 de bicicleta e 5 de carreira a pe.

Quizáis che interese…