Jarno Pousada impónse na Copa de África de Yasmine Hammamet cunha gran actuación na carreira a pé

8 de Xuño de 2026

O triatleta galego Jarno Pousada volveu brillar no panorama internacional ao conquistar esta fin de semana a Copa de África disputada en Yasmine Hammamet (Tunisia). O deportista do Cidade de Lugo Fluvial asinou unha competición moi completa, culminada cunha espectacular carreira a pé que lle permitiu subir ao máis alto do podio.

A proba masculina mantívose moi aberta durante os segmentos de natación e ciclismo. Máis dunha vintena de triatletas chegaron xuntos á segunda transición con opcións reais de loitar pola vitoria, entre eles os españois Jarno Pousada, Hugo Fernández Tovar e Adrián Martínez. Ademais, este grupo principal lograra unha vantaxe próxima aos 40 segundos sobre os seus perseguidores.

O desenlace quedou reservado para os últimos quilómetros. Foi nese momento cando Pousada marcou a diferenza, demostrando un gran nivel na carreira a pé e asinando o mellor parcial do segmento. O seu forte ritmo permitiulle cruzar a meta en primeira posición e sumar un importante triunfo internacional. O francés Nathan Lessmann ocupou a segunda praza, mentres que o alemán Eric Diener completou o podio.

A expedición española tamén tivo unha destacada participación na competición. Hugo Fernández foi o seguinte español clasificado, quedando ás portas do Top-10 cun meritorio undécimo posto. Adrián Martínez rematou na posición 24, seguido de Pau Noguera (26º), Cristian Fernández (29º) e Paco Martí (30º).

Tamén finalizaron a proba Marco Pousada (35º), Sergio Correa (43º), Yerove Rodríguez (49º) e Rubén Pereira (55º). Na categoría feminina, a triatleta do Cidade de Lugo Fluvial, Lucie Nina Marianne Dupre, acadou a décimo novena posición.

Con este resultado, Jarno Pousada engade un novo éxito ao seu palmarés internacional e confirma o seu excelente momento de forma no arranque da tempada de verán.

Quizáis che interese…