JONATHAN CANCELAS: “ANTONIO SERRAT É SÓLIDO E FORTE MENTALMENTE Á VEZ QUE HUMILDE E DISCIPLINADO”

13 de Setembro de 2013

Jonathan Cancelas é, con case total seguridade, a persoa que mellor coñece a Antonio Serrat, e non só no aspecto deportivo. Son moitas as horas que pasan xuntos adestrando, traballando para seguir medrando na súa carreira deportiva. Por iso, onte tamén era unha das persoas máis felices polo rendemento do vigués no Mundial de Londres (noveno clasificado). É o seu adestrador no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e nestas última semanas tiveron que cambiar os planes de adestramento ao rematar as clases: “Tras finalizar o curso no CGTD, Antonio volveu á súa casa en Vigo. Intentamos, practicamente falando a diario, modelar ou matizar o necesario do programado semanalmente segundo como transcorrían as cousas. En entrenos puntuais, considerados importantes, desprazámonos o un xunto ao outro co fin de ter ese punto de calidade que non alcanzas só. Xurdiron “problemiñas” durante o camiño, que tan só o distanciaron uns días puntuais do camiño establecido, unha forte gastroenterite, feridas nos pés tras tríatlons….. Foron os únicos momentos nos que podes sentilo intranquilo, polo resto é un rapaz moi metódico”.

-Qué valoración fas deste noveno posto no Mundial xúnior?

-O meu carácter nunca foi resultadista, non me gusta falar de posto antes das probas, só tratar de asentar todo o que necesitamos para chegar a unha competición exitosa, segundo as características que a proba impoña. A proba respondeu ao que tiñamos formulado: Unha natación incomoda, con moitos golpes, condicionada pola saída en dende o pontón. O segmento de ciclismo sería rápido e técnico, tan só habería que prestar moito coidado a un par de xiros complicados, e xogar bastante coas posicións nos grupos e dar a cara o xusto para gardar “pólvora” para a carreira a pé. Cando me daban as referencias dende Londres e vin que a situación de carreira de Antonio era a de xogarse un posto entre case 30 que se baixaban tan xuntos, contestei todas as mensaxes igual: “agora hai que invocar unha carreira de 15:15 para poder disputar postos dianteiros”. Disputou un sprint pechado entre os postos 6 e 10. Minimizou o seu hándicap na natación, vino moi competitivo no resto e, sobre todo sendo así, gozou con iso. Por iso estou máis satisfeito se cabe.

-Cómo definirías a Antonio Serrat como triatleta?

-É un apaixonado deste deporte, víveo e goza sabendo que fai as cousas ben e encontrando as súas fronteiras. Sólido e forte mentalmente á vez que humilde e disciplinado. Debe seguir na liña de mellora xeral como ata agora. A natación e o traballo de forza específica para ela, seguen sendo a súa materia “máis xusta”. No resto de disciplinas é moi solvente, posúe un grande abano técnico e condicional para adaptarse a diferentes situacións de competición”. E se tivera que destacar algo deste xoven vigués é que ten un grande instinto competitivo, a súa disciplina e facilidade para deixarse asesorar.

-Que futuro lle auguras?

-Gustaríame que non perdese esa ilusión por conseguir metas parciais e que siga gozando tanto con iso. O talento sen estes matices ten  data de caducidade. El aglutina todo iso.

– Cos mozos que veñen por detrás podemos dicir que o relevo xeracional de homes como Iván ou Javi está asegurado?

-Aínda son mozos, e algúns/ás, a pesar de ter bos resultados e mostrar “formas”, teñen  que desenvolver valores moi ligados a un perfil dun deportista elite. Hai que darlles o seu tempo e ir amoblando todos os espazos a conciencia, sen deixar de lado que todos, para realizar un gran traballo no campo do rendemento, temos que saber gozar e sufrir con iso.

Quizáis che interese…