JOSELYN BREA E ANTONIO BENITO, GAÑADORES DO VII TRÍATLON CONCELLO DE POIO

8 de Xullo de 2017

Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Benito (Cidade de Lugo Fluvial) lograron hoxe a vitoria no VII Tríatlon Concello de Poio,  primeira proba do Circuíto Galego de Tríatlon de Estrada 2017.

 Os favoritos cumpriron cos prognósticos tanto na categoría feminina como na masculina. Joselyn Brea e a arxentina Delfina Orlandini (Tríatlon Arteixo) saíron xuntas da auga, pero a arxentina logrou escaparse na bicicleta, na que Joselyn tivo algunha molestia. Así, chegou a transición con máis de un minuto de vantaxe sobre a deportista do Tri-Penta, pero a carreira a pe se lle fixo imposible para Orlandini. Era un circuíto moi duro, con fortes pendentes, e antes da primeira volta, Joselyn xa estaba en cabeza para lograr un cómodo triunfo cun tempo de 1:05:07. A segunda posición foi para a pequena da familia Brea, Edymar, que tamén estivo moi ben colocada e chegou a meta cun tempo de 1:06:32. O terceiro posto foi para Nerea García (Náutico de Narón), que tamén logrou superar a Orlandini que se afundiu na carreira a pe. Na clasificación de clubs femininos, triunfo para o Tri-Penta Terras de Lugo.

Na categoría masculina, tampouco houbo sorpresas. Os dous internacionais Antonio Benito (Cidade de Lugo Fluvial) e Ricardo Hernández (Cidade de Lugo Fluvial) amosaron a súa condición de favoritos, ocupando as primeiras posicións dende a natación. Marcharon destacados durante o segmento de bicicleta o que lles permitiu economizar forzas na carreira a pe, para entrar en meta da man. A primeira posición foi para Antonio Benito cun tempo de 57:04, mentres que segundo foi Ricardo Hernández co mesmo crono. De destacar o grandísimo traballo de Ismael López (Tríatlon Vilagarcía), que entrou nun numerosísimo grupo na T2 no posto 44, e remontou  moitas posicións na carreira a pe, na que marcou o mellor tempo. López ocupou o terceiro chanzo do podio cun tempo de 58:32. Na clasificación de clubs masculina venceu o Cidade de Lugo Fluvial.

O Tríatlon Concello de Poio, que contaba cunha proba federada e outro popular, tivo unha participación de 250 triatletas nun día soleado, pero non excesivamente caloroso.

 

Quizáis che interese…