JOSELYN BREA E ANTONIO SERRAT, VENCEDORES DO DÚATLON CONCELLO DE ARTEIXO

20 de Marzo de 2016

Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe gañadores do  I Dúatlon Concello de Arteixo, no que participaron  máis de 250 deportistas.

O Dúatlon de Arteixo contaba con grandísimo deportistas, de nivel nacional e internacional e iso quedou reflictido dende o inicio. Ademais as condicións meteorolóxicas foron durísimas, con frío, vento e chuvia, o que complicou aínda máis a proba.

IMG-20160320-WA0020Na carreira feminina partía como gran favorita Joselyn Brea que tomou o mando dende o inicio e xa non deixou esa posición en momento algún. A venezolana afincada en Galicia logrou unha importante distancia que foi quen de ir administrando na bicicleta (logrou o cuarto mellor tempo neste segmento) e volveu a aumentar no último tramo de carreira a pe, onde novamente foi a mellor (01:09:15). A segunda posición foi para Sara Guerrero (Tríatlon Ferrol), que tamén foi moi regular, cun tempo de 01:10:20, mentres que o terceiro posto no podio foi para Silvia González (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 01:11:55.

A carreira de Antonio Serrat na proba masculina foi similar. Tamén colleu o mando dende o primeiro segmento, logrando o mellor tempo para así enfrontar o ciclismo con máis tranquilidade. Por detrás de Antonio, César Ramiro Saracho (Tríatlon Arteixo) e Uxío Abuín (Tríatloin Arteixo) a algo máis de 20 segundos, na primeira transición, pero Saracho quedou descolgado na bicicleta.

O vigués continuou nesa situación de privilexio ata o final da carreira, aínda que Uxío apurou todo o que puido, logrado o mellor parcial no último segmento a pe. Desta forma, o podio estivo formado por Antonio Serrat (58:06); segundo posto para Uxío Abuín (58:23) e terceira posición para Eduardo Elías Moreno (Tríatlon Arteixo) cun tempo de 58:35.

Os gañadores noutras categorías foron:

  • Cadete: Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) e Arturo Ramos (Talleres David Tríatlon Compostela)
  • Júnior: Sara Guerrero (Tríatlon Ferrol) e Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial)
  • Sub 23: Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo)
  • Veterán 1: Aída García (Olímpico de Vedra) e Enrique Goce (Olímpico de Vedra)
  • Veterán 2: Julio José Souto (Tríatlon Coruña)
  • Clubs: Tri-Penta Terras de Lugo (feminino) e Tríatlon Arteixo (masculino)

O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2016 está formado por cinco   probas: Guitiriz, Santiago, Riveira, Arteixo e Vigo. En xogo a clasificación para o Galego de Dúatlon (18 prazas en cada proba do circuíto). Nicolás Domínguez (HPS Tríatlon) e Cristina Torres (Mar de Vigo) proclamáronse gañadores do X Dúatlon Concello de Guitiriz. Na segunda proba, disputada en Santiago, venceron Alberto Castiñeira e Inés Castaño, ambos do Arcade. Carla Castaño (Arcade Inforhouse) e Rubén Caamaño (Artrogal-Tri 498) proclamáronse vencedores do I Dúatlon Concello de Riveira Memorial Jesús e Vicente.

clasifica dua arteixo 2016

Quizáis che interese…