LORENA GARCÍA E MARCOS MAYO, GAÑADORES DA ÚLTIMA PROBA DO CIRCUITO GALEGO DE DUATLÓN CROSS EN POIO

16 de Febreiro de 2014

Lorena García (Mar de Vigo) e Marcos Mayo (Monte Abaixo) proclamáronse hoxe en Samieira (Poio) gañadores da última proba do Circuíto Galego de Duatlón Cross, o VIII Duatlón Cross Concello de Poio, cun total de 71 deportistas inscritos.

Na categoría feminina, con escasa participación, proclamouse gañadora da proba Lorena García (Mar de Vigo), que destacou pola súa regularidade. No primeiro segmento ía por diante a veterana Belén Lemat, pero Lorena mantivo o tipo nunha segunda posición a pouco máis de trinta segundos e no resto da proba foi crecendo no seu rendemento e resultou vencedora nos outros dous sectores (bicicleta e carreira a pe). Así, Lorena logrou o triunfo cun tempo de 2:27:20, seguida por Belen Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) con 2:33:04, mentres que terceira foi Silvia García (Mar de Vigo).

Na proba masculina, logrou a vitoria un dos favoritos, Marcos Mayo (Monte Abaixo), que liderou a proba dende o inicio. Cunha regularidade envexable, so Darío Manuel Otero (Team Corbelo) foi capaz de manter o tipo durante toda a proba e estar ao seu carón. Así, todo se decidiu no último segmento, onde Mayo foi máis rápido. Así, o triunfo foi para Marcos Mayo (1:31:40), mentres que na segunda posición chegou Darío M. Otero (1:31:58) e terceiro, Miguel Ángel Arias (Team Corbelo) cun tempo de 1:36:33.

Outros gañadores da proba foron:

 

  • Júnior: Manuel Abreu (Mar de Vigo).
  • Veteranos: Belen Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) e Miguel Ángel Arias (Team Corbelo).
  • Clubs masculino: Team Corbelo.

Os participantes tiveron que correr 6 quilómetros, 19,5 quilómetros en bicicleta de montaña e 3 quilómetros a pe. A saída, meta e transicións estaban situadas no campo de fútbol de Samieira e os circuítos descorreron por pistas forestais e sendeiros bastante técnicos. Nesta oportunidade o tempo acompañou e os participantes incluso puideron gozar coa presenza do sol.

O Circuíto Galego de Duatlón Cross está formado por cinco probas: Ribadumia, Beariz, Maside, Candeán e Samieira (Poio). Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterano (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Ribadumia resultaron vencedores Brais Misa e Verónica Montes, mentres que en Beariz os gañadores foron Gustavo Rodríguez e Aída Valiño. Na terceira proba, disputada en Maside, lograron  triunfo Enrique Morán (Atletismo Porriño) e Verónica Montes (Trinity Tríatlon); mentres que en Candéan os gañadores foron Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo) e Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo).

 

Quizáis che interese…