O domingo 16 de febreiro (11:00 horas) celebrarase en Samieira a última proba do Circuíto Galego de Duatlón Cross, o VIII Duatlón Cross Concello de Poio, cun total de 71 deportistas inscritos.
Entre os favoritos para facerse co triunfo podemos destacar a Enrique Morán (Atletismo Porriño) ou Marcos Mayo (Monte Abaixo), Miguel Arias e Darío Otero (Team Corbello). Enrique Morán logrou o triunfo en Maside e Marcos Mayo foi segundo na cuarta proba do circuíto, disputada en Candeán na pasada fin de semana, nunhas condicións épicas.
Na categoría feminina hai pouca participación e Belen Lemat (Cidade de Lugo) parece a favorita para facerse co triunfo, ante a ausencia entre as inscritas de Verónica Montes (Trinity Tríatlon), que gañou dúas probas do circuíto, e Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo), que logrou a vitoria en Candeán.
Os participantes terán que correr 6 quilómetros, facer 19,5 quilómetros en bicicleta de montaña e rematarán con 3 quilómetros a pe. A saída, meta e transicións estarán situadas no campo de fútbol de Samieira e os circuítos descorrerán por pistas forestais e sendeiros bastante técnicos. Unha vez máis haberá que estar pendentes das condicións meteorolóxicas.
O Circuíto Galego de Duatlón Cross está formado por cinco probas: Ribadumia, Beariz, Maside, Candeán e Samieira. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterano (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Ribadumia resultaron vencedores Brais Misa e Verónica Montes, mentres que en Beariz os gañadores foron Gustavo Rodríguez e Aída Valiño. Na terceira proba, disputada en Maside, lograron triunfo Enrique Morán (Atletismo Porriño) e Verónica Montes (Trinity Tríatlon); mentres que en Candéan os gañadores foron Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo) e Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo).