MAGNÍFICOS RESULTADOS PARA GALICIA NO X CAMPIONATO DE ESPAÑA DE BIATLÓN

6 de Xullo de 2014

Galicia acadou magníficos resultados no  X Campionato de España de Biatlón, que se disputou o sábado 5 de xullo en Luanco. No campionato participaban un total de 114 deportistas e a Federación Galega estaba representada por catro clubs (Tri-Penta Terras de Lugo, San Ramón de Vilalba, Fefeme e Zalaeta 100 tolos). O Terras de Lugo foi o club que máis ouros acadou no torneo (categorías benxamín, infantil, cadete e absoluta), mentres que Galicia foi a primeira na clasificación de autonomías en benxamín, infantil, cadete, xuvenil, júnior e sénior.

Na categoría benxamín, Claudia Gámez logrou o ouro mentres que Ainhoa Corral foi prata, igual que Óscar Lopez, todos eles deportistas do Terras de Lugo. Por clubs, ouro para o Tri-Penta Terras de Lugo e ouro para Galicia.

En alevíns, ouro para Esteban Basanta (Tri-Penta Terras de Lugo) e bronce para Rubén Lombao (Fefeme). Na clasificación de clubs, o Terras de Lugo foi bronce e prata para Galicia.

En infantil: Pratas  para Andrea Vidal e para Martin Freije (Tri-Penta Terras de Lugo), mentres que o Tri-Penta Terras de Lugo (clubs) e Galicia (por autonomías) lograron o ouro. En cadete, ouros para Mateo ELizalde e Aroa Freije (Tri-Penta Terras de Lugo) e bronce para Lorena Iglesias (Fefeme). Por clubs, ouro para o Tri-Penta e ouro para Galicia na clasificación de autonomías.

Na categoría xuvenil Raul Blanco (Terras de Lugo) logrou a medalla de prata, mentres que en júnior Carolina Basanta (Fefeme) foi bronce.

Na categoría absoluta, a medalla de ouro foi para o Tri-Penta Terras de Lugo con triunfos da venezolana Joselyn Daniela Brea e o chileno Vicente Trewnela, que foron moi superiores ao seus rivais. Evidentemente non se proclamaron campións de España, pero si puntuaron para o seu club, o Terras de Lugo, que logrou o título.

Ademais, hai que destacar que Galicia logrou a medalla de ouro nas categorías xuvenil, júnior e sénior. Por último, subliñar que en veteranos Ruth Ballesteros (Zalaeta 100 tolos) foi prata e Marcos Rodríguez (Zalaeta 100 tolos), bronce.

As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín e alevín as e os participantes correron 500 metros, nadaron 50 e correron 500 metros. Os infantís deben correr 500 metros, para despois nadar 100 metros e finalizar con 500 de carreira a pe. En cadete as distancias son 1.000-200-1.000, mentres que para as categorías xuvenil, júnior e sénior as distancias son as mesmas: 1.500-200-1.500. E xa para rematar, sinalar que na categoría máster as distancias son de 1.000 metros de carreira a pe, 100 metros de natación e 1.000 de carreira a pe.

 

Quizáis che interese…