Máis de trescentos deportistas participarán o domingo 2 de xullo no Campionato Galego de Acuatlón das categorías menores e absoluta 2017, que se celebrará en Poio.
As probas comezarán ás 11:00 horas coa disputa da categoría benxamín na que participan 45 deportistas que terán que facer 100 metros de natación e 500 de carreira a pe.
Os alevíns inscritos no Galego son 47 e as súas distancias son 200 de natación e 1.000 de carreira. Na categoría infantil contamos con 47 deportistas, que terán que facer 400 metros na auga e 2.000 de carreira e as distancias para os 64 cadetes participantes serán de 500 metros de natación e 3 quilómetros de carreira.
Posteriormente (13:00 horas) darase a saída a proba absoluta coa participación de 100 deportistas (absoluta, júnior e veterán). Nesta proba as distancias serán de 1.000 metros de natación e rematan con 5.000 de carreira. A saída, transición e meta estarán instaladas no Porto de Raxó.
Na categoría feminina están inscritas Edymar Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) –que non opta ao título galego-, Marta Barbeito (A.D. Fogar) Carla Castaño (Arcade Inforhouse) ou Ana María Santiso (Náutico de Narón). A campioa do pasado ano, Melina Alonso, non defenderá o título xa que está competindo na Copa de Europa de Altafulla.
Na proba masculina tampouco está inscrito o actual campión galego Alberto Castiñeira, que tamén está en Altafulla. Pero contaremos con Ismael López (Tríatlon Vilagarcía), Carlos Brión (Natación Riveira), Francisco Cendán (Talleres David Tríatlon Compostela) ou Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol), que son algúns dos favoritos para facerse co título.
Ano 2016. Alberto Castiñeira e Melina Alonso son os actuais campións galegos de Acuatlón, ao lograr o título na proba celebrada o pasado ano en Cedeira.