Despois de todos os preparativos e traballos previos chegou o momento de ver en acción ás e aos triatletas. Mañá 25 de agosto celebrarase o Campionato de España de Tríatlon de Longa distancia (tamén campionato galego), con varios galegos entre os favoritos. Hoxe xa se podía apreciar moito ambiente por Pontevedra e principalmente no CGTD, onde procedeuse a entrega dos dorsais e a apertura da zona de transición para deixar o material.
A proba comezará a primeira hora da mañá (09:00 horas) e os participantes terán por diante unha moi longa xornada na que a calor fará aínda máis complexa esta competición. Os case trescentos deportistas (entre as probas elite e de grupos de idade) terán que realizar 3 quilómetros de natación, 116 de ciclismo e 30 de carreira a pe. Tamén se realizará unha proba Open de Aquabike.
Na categoría masculina o gran favorito para o Campionato de España de Longa Distancia parece Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo) que este ano logrou o título de campión de España de media distancia e que o pasado ano foi bronce en Ibiza nesta distancia.
O tudense chega en boas condicións a Pontevedra 2018: “Persoalmente estou nun bo momento de forma, so que nestas distancias nunca se sabe como vai responder o corpo ou se calquera contratempo pode botar por terra todo o traballo destes días, pero coa moral moi alta e con gañas de amosar a miña mellor versión”.
Ademais Gustavo recoñece que tanto este campionato como Pontevedra son especiais: “Con moitas gañas de correr mañá. Este campionato sempre o teño marcado no calendario e máis se é en Pontevedra, que é a cidade onde me formei como deportista e que sempre se envorca co tríatlon”.
O seu compañeiro de club Cristóbal Dios asegurou que chega en un gran momento de forma, “adestrei ben e penso que podemos loitar por todo. Gustavo é o máximo candidato á vitoria, pero tentaremos poñerllo difícil. Hai outros rivais complicados coma Pello Osoro ou Ander Okamika, pero eu teño que facer a miña carreira e loitar polo que traballei durante estes duros meses de adestramento”. Dios asegurou que “é moi especial disputar este campionato en casa, onde adestro, onde vivo, onde fago o meu día a día, e poder competir aquí, coa túa xente, é moi especial”.
Na categoría feminina participará a pontevedresa Saleta Castro (Cidade de Lugo Fluvial) que enfronta o campionato coma un fermoso reto: “As miñas expectativas son facelo o mellor posible, dalo todo ata a liña de meta, sufrilo e pelexalo ata o final. Sei que non estou no meu mellor momento de forma, xa que este ano levo tres ironmáns. O último foi o 8 de xullo en Frankfurt e acabei tocada psicolóxica e físicamente e necesitei tempo para recuperarme e por iso non puiden preparar de todo ben esta proba. Pero é un campionato que me fai moita ilusión porque se disputa en casa, ante a miña xente, e me coñezo o circuíto mellor que ninguén. Espero facelo o mellor posible e se podo, gañar; pero senón, estar no podio, xa me faría moita ilusión”, manifestou.
Axenda do sábado
7:30 a 8:30 – Último rexistro na zona de transición
9:00 – Saída Campionato de España de Longa Distancia: Elite Masculina
9:02 – Saída Campionato de España de Longa Distancia: Elite Feminina
9:10 – Saída Grupos de Idade (varias saídas ata as 9:20)
9:25 – Saída Aquabike
21:30 – Cerimonia de entrega de premios