MARÍA ORTEGA, 13ª NA COPA DO MUNDO DE CHENGDOU

10 de Maio de 2014

María Ortega fixo un gran papel na Copa do Mundo de Tríatlon de Chengdou (China), a terceira do circuíto, ao lograr finalizar a proba na 13ª posición e sumar así moitos puntos para o ránking ITU. Non estivo igual de afortunada Melina Alonso, que rematou na posición 31ª e non puido puntuar.

O certo é que as dúas triatletas galegas estiveron rodeadas de dificultades dende o inicio. O visado foi concedido con moito retraso e as deportistas chegaron a China só unhas horas antes do inicio da proba. Así, sen aclimatación algunha, cun enorme cambio horario, moita calor e sen neopreno para a natación por primeira vez na tempada, tiveron que enfrontar a proba. María Ortega fixo unha boa natación e saíu no primeiro grupo da auga, o cal lle permitiu estar sempre en cabeza e lograr así a 13ª posición cun tempo de 2:03:46, que lle outorga moitos puntos, fundamentais sobre todo de cara a participar en Series Mundiais. A gañadora da proba foi a australiana Gillian Backhouse cun tempo de 2:01:04.

Sen embargo, Melina Alonso non estivo cómoda na auga sen neopreno e quedou descolgada na natación, e xa foi imposible para ela remontar. Ao final, chegou na posición 31 (2:12:40) e non puntuou para o ránking. A próxima semana ambas participarán na proba das Series Mundiais de Yokohama.

Quizáis che interese…

Acuatlón Castrelo do Miño

Acuatlón Castrelo do Miño

O pasado fin de semana celebrouse a Copa Deputación Ourense de Acuatlón - Acuatlón Castrelo de...