MAR VILLAR E JOSÉ MANUEL PARDO LEIS, CAMPIÓNS GALEGOS DE TRÍATLON EN DISTANCIA CURTA

10 de Maio de 2014

Mar Villar (tríatlon Morrazo) e José Manuel Pardo Leis (Muralla de Lugo) proclamáronse hoxe campións galegos de tríatlon de curta distancia, no I Tríatlon Rías Baixas celebrado en Sanxenxo, con 340 participantes.

Na proba feminina, houbo emoción case ata o final. Na segunda transición se baixaron xuntas da bicicleta Marta Barbeiro (A.D. Fogar) e Mar Villar (Tríatlon Morrazo), pero na carreira a pe, a deportista do club do Morrazo logrou escaparse e logrou un triunfo bastante cómodo (2:32:49). Segunda foi Marta Barbeito a case dous minutos (2:34:42) e terceira, a veterana Paloma Herbello (Arcade Inforhouse), que logrou o título na categoría de veteranas (2:45:10).

Na categoría masculina, houbo emoción ata o último metro, xa que o campión se decidiu no último suspiro da proba, na mesma liña de meta. Lucas Escaneo (Tríatlon Morrazo) fixo a segunda transición en cabeza e en solitario e así enfrontou o último segmento con Pardo Leis (Muralla de Lugo) na segunda posición. Pero o deportista do Muralla foi recortando tempo, segundo a segundo e logrou alcanzalo e superalo xa sobre a liña de meta. Un emocionantísimo final para o público asistente que podía ver como se achegaba Leis dende atrás e lograba superalo sobre a liña. Así, josé Manuel Pardo Leis (Muralla de Lugo) proclamouse campión galego cun tempo de 2:05:44; segundo, Lucas Escaneo (2:05:45) e terceiro, Miguel Figueira (Tríatlon Morrazo) a 1:28.

O Campionato Galego disputouse sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe), e a saída, boxes e meta estaban situadas no Club Náutico de Sanxenxo. A principal novidade deste ano foi que se disputou sen drafting, é dicir, estaba prohibido ir a roda doutro ciclista ou circular en pelotón.

 

http://www.magmasports.es/spa/eventos_ficha.php?var1=I%20Triatlon%20Rias%20Baixas&nar1=264

 

 

 

 

Quizáis che interese…