NOSPORTLIMIT E ARCADE INFORHOUSE, CAMPIÓNS GALEGOS DE DÚATLON CONTRA O RELOXO POR EQUIPOS

27 de Febreiro de 2016

NoSportLimit (feminino) e Arcade Inforhouse (masculino) proclamáronse hoxe en Vedra campións galegos de dúatlon na modalidade de contra o reloxo por equipos. As durísimas condicións climatolóxicas marcaron o desenvolvemento da proba, na que os integrantes dos equipos tiveron que ser máis colaboradores e solidarios que nunca.

 

podio femNa categoría feminina triunfo para o NoSportLimit, que logrou impoñerse con certa comodidade, cun tempo de 01:25:32. A segunda posición foi para o Mar de Vigo (01:28:12), mentres que terceiro foi o Olímpico de Vedra (01:29:56).

 

Na proba masculina as distancias entre os equipos foron moito máis curtas e houbo unha dura loita polo triunfo. Finalmente, Arcade Inforhouse repetiu o título acadado o pasado ano e volveu a proclamarse campión galego cun tempo de 01:03.24. A segunda posición foi para o Artrogal Tri–498, a escasos segundos (01:03:30) e o bronce, para Tríatlon Morrazo cun tempo de 01:03:50.

 

Nesta modalidade de contra o reloxo, os equipos van saíndo de xeito escalonado, e están compostos por entre 4 e 6 compoñentes, que teñen que disputar a proba agrupados en todo momento. Ao final conta en meta o tempo do cuarto integrante do club, despois de completar un recorrido de 5 quilómetros a pe, 20 en bicicleta e 2,5 qm. a pe novamente. Na proba participaron máis de 60 equipos.

Quizáis che interese…