O domingo 13 de marzo celebrarase o I Dúatlon Concello de Riveira Memorial Jesús e Vicente, terceira proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2016, no que participarán 162 deportistas. Esta proba realízase en memoria de dous triatletas do Natación Ribeira, Jesús Huerta e Vicente Hernández, recentemente falecidos.
Entre os favoritos na proba masculina destacan Brais Misa (Atletismo Porriño), Enrique Morán (Atletismo Porriño), Juan Sebastián Díaz (Tríatlon Poio), Lucas Escaneo (Tríatlon Morrazo) ou Carlos Brión (Natación Riveira). Mentres, Cristina Torres (Mar de Vigo), Carla Castaño (Arcade Inforhouse), Mariña Ramos (GV Sports Club), Beatriz Castiñeira (GV Sports Club) serán algunhas das protagonistas da proba feminina.
A proba terá tres saídas: A proba feminina comezará ás 11:40 horas e hai dúas saídas masculinas (ás 10:00 e 11:30 horas). A saída, transición e meta estarán instaladas na Praia do Coroso e as distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pe, 20 de bicicleta e 2,5 de carreira.
O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2016 está formado por cinco probas: Guitiriz, Santiago, Riveira, Arteixo e Vigo. En xogo a clasificación para o Galego de Dúatlon (18 prazas en cada proba do circuíto). Nicolás Domínguez (HPS Tríatlon) e Cristina Torres (Mar de Vigo) proclamáronse gañadores do X Dúatlon Concello de Guitiriz. Na segunda proba, disputada en Santiago, venceron Alberto Castiñeira e Inés Castaño, ambos do Arcade.