O sábado 12 de marzo celebrarase en Pontevedra a final de “Nada e Corre” 2016, un programa da Federación Galega de Tríatlon dedicada aos máis cativos que vai pola súa quinta edición. Este ano o programa ten as novidades da incorporación da categoría prebenxamín e do paratríatlon (deportistas con discapacidade). En total participaron 620 rapaces e rapazas nas catro probas zonais e para a final están clasificados 140 deportistas.
En Pontevedra participarán 140 deportistas de todas as categorías e haberá tamén clasificación xeral por clubs, para o que se sumarán os puntos dos deportistas do club, resultando gañador aquel que consiga máis puntos. A proba de natación celebrarase na piscina Rías do Sur (10:30 horas), mentres que a carreira terá lugar nas pistas de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (16:00 horas).
Este programa, que comezou no 2012 promovido pola Federación Galega de Tríatlon, ten como obxecto traballar en inverno a natación e a carreira. O programa “Nada e Corre”, que se desenvolve no primeiro trimestre do ano, está formado por catro probas clasificatorias zonais (Viveiro, Vigo, Ribeira e Ferrol) e unha final, na que participan os catro primeiros clasificados por categoría e sexo en cada proba zonal.
As distancias a realizar dependerán das categorías:
- Prebenxamín: 25 metros de natación e 250 de carreira a pe.
- Benxamín: 50 metros de natación e 500 de carreira a pe.
- Alevín: 100 metros natación e 500 carreira a pe.
- Infantil: 200 metros natación e 1.000 carreira a pe
- Cadete: 400 metros natación e 2.000 carreira a pe.