O DOMINGO 9 DE AGOSTO CELEBRARASE O XV TRÍATLON CIDADE DE FERROL CON 335 DEPORTISTAS INSCRITOS

6 de Agosto de 2015

Case 350 deportistas (335) participarán o domingo 9 de agosto no XV Tríatlon Cidade de Ferrol, proba clasificatoria para o Campionato Galego 2015. Na programación establecida figura unha proba popular, outra para as e os máis pequenos (Nada e Corre) e as federadas (masculina e feminina).

 

A carreira elite disputarase na modalidade de sprint, con 750 m de natación no Porto de Ferrol, a continuación 20 quilómetros do segmento de ciclismo  e finalizarán coa carreira a pe de 5 quilómetros. A saída feminina está prevista para ás 12:20 horas, e entre as participantes destacan María Ortega (Tri-Penta Terras de Lugo), que volve a competir despois dunha lesión; e as irmás Melina e Camila Alonso, así coma Tamara Gómez (todas do club local, Tríatlon Ferrol), que tentarán estar entre as primeiras na proba da súa casa.

 

Para a proba masculina haberá dúas saídas: ás 11:00 h comezará a proba B, mentres que ás 12:30 horas será a saída A elite masculina, na que se espera unha dura loita, xa que hai moito nivel pero sen un favorito claro. Diego Paz (Arcade Inforhouse), Luismi Velasquez (Tri-Penta Terras de Lugo), Iván Rubio (Tríatlon Arteixo), Ismael López (Natación Riveira), Ignacio Castro (Arcade Inforhouse) ou Alberto Castiñeiras (Arcade Inforhouse) son algúns dos deportistas máis destacados.

 

Máis probas. O programa de probas do día comezará ás 10:00 horas coa celebración da proba “Nada e Corre” para as categorías benxamín e alevín coa participación de 23 deportistas. Aquí as distancias son de 150 metros de natación e 500 metros de carreira a pe e esta proba non é competitiva, xa que o que busca é a participación dos máis pequenos. Dez minutos máis tarde, darase a saída a unha proba popular, na que os participantes terán que facer 300 metros de natación, 10 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros na carreira a pe. Hai case 80 triatletas inscritos.

 

Resultados 2014. Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Crisanto Grajales (Cidade de Lugo Fluvial) proclamáronse o pasado ano gañadores do XIV Tríatlon Cidade de Ferrol.

 

Quizáis che interese…