TAMARA GÓMEZ E DIEGO PAZ, GAÑADORES DO XV TRÍATLON CIDADE DE FERROL

9 de Agosto de 2015

Tamara Gómez (Tríatlon Ferrol) e Diego Paz (Arcade Inforhouse) proclamáronse hoxe, nun día de moita calor, gañadores do XV Tríatlon Cidade de Ferrol, proba clasificatoria para o Campionato Galego 2015. En todas as probas celebradas (unha popular, un Nada e Corre para os máis pequenos e a proba federada) participaron case 350 deportistas.

 

Na proba feminina as favoritas convertéronse en protagonistas dende o inicio. Tamara Gómez, Melina Alonso, Camila Alonso, Inés Santiago e María Ortega dende a saída amosaron a súa intención de loitar polo triunfo. Na auga saíron todas moi apertadas e foi na bicicleta onde Tamara e Melina lograron escaparse con máis dun minuto de diferenza. Así, a vitoria decidiuse entre s dúas deportistas do Tríatlon Ferrol e na carreira a pe foi máis rápida Tamara Gómez, quen chegou a meta na primeira posición cun tempo de 01:06:37, mentres que segunda foi Melina Alonso (01:07:19) e terceira, Camila Alonso (01:08:56). Gran actuación das rapazas do Tríatlon Ferrol, con catro deportistas nos catro primeiros postos.

 

Na categoría masculina a resposta dos favoritos tamén foi a esperada. Os homes máis destacados, Diego Paz (Arcade Inforhouse), Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo) e Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse) saíron xa da auga nas primeiras posicións xunto a Martín Carrera (Tríatlon Arteixo) e así enfrontaron o segmento da bicicleta. No ciclismo, Carrera quedou descolgado e parecía claro que o triunfo estará entre Diego, Luismi e Alberto, pero o ritmo de carreira de Diego foi imposible para os seus compañeiros de escapada. Diego Paz proclamouse vencedor do Tríatlon de Ferrol cun tempo de 01:00:18, mentres que segundo foi Alberto Castiñeira (01:01:09) e terceiro, Luismi Velásquez (01:01:39). A proba federada disputouse na modalidade de sprint, con 750 m de natación no Porto de Ferrol, 20 quilómetros do segmento de ciclismo  e 5 quilómetros de carreira a pe.

 

Os gañadores noutras categorías foron:

  • Cadete: Salomé Calviño (A.D. Fogar) e Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol).
  • Júnior: Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) e Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse).
  • Sub 23: Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Diego Paz (Arcade Inforhouse).
  • Veterán 1: Silvia Deira (Arcade Inforhouse) e Iván Rubio (Tríatlon Arteixo).
  • Veterán 2: José Manuel Otero (Muralla de Lugo).
  • Veterán 3: Jorge García (San Roqu-Tríatlon Viveiro).
  • Clubs: Tríatlon Ferrol (feminina) e Arcade Inforhouse (masculino).

 

Máis probas. O programa de probas do día comezou ás 10:00 horas coa celebración da proba “Nada e Corre” para as categorías benxamín e alevín coa participación de 23 deportistas (proba non competitiva). Dez minutos máis tarde, comezou a proba popular, na que os participantes tiveron que facer 300 metros de natación, 10 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros na carreira a pe.

XV TRIATLON CIDADE DE FERROL

Quizáis che interese…

Galegos con maiúsculas

Galegos con maiúsculas

Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Antonio Benito, Cidade de Lugo Fluvial, Pablo Dapena e as...