Este sábado 18 de abril celebraranse as probas provinciais de A Coruña e Ourense do programa “Xogade” de Duatlón Escolar 2015, coa participación de máis de 200 deportistas entre as dúas probas.
A fase da Coruña celebrarase en Santiago de Compostela, organizada polo Arcade Inforhouse. Na mesma están inscritos un total 158 deportistas e comezarán a competir a partir das 11.00 horas. A proba celebrarase no contorno do estadio de San Lázaro.
A fase de Ourense, organizado polo Beariz Tríatlon, terá lugar en Maside con 50 participantes a partir das 16.00 horas. A proba disputarase na Alameda de Maside.
As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil, 1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.
O programa consta de sete probas locais (dúas por provincia menos en Ourense), catro provinciais e a final. Nas probas zonais clasificáronse os 25 mellores por categoría e sexo para as fases provinciais e aquí lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.