O SÁBADO 20 DE AGOSTO CELÉBRASE O XXVII TRÍATLON POPULAR VILA DE ALLARIZ CON 150 INSCRITOS  

19 de Agosto de 2016

O sábado 20 de agosto (18:00 horas) terá lugar o XXVII Tríatlon Vila de Allariz coa participación de 150 deportistas, cantidade máxima permitida pola organización polas características do lugar onde se celebra. Coma ven sucedendo cada ano, a inscrición encheuse en poucas horas e houbo que pechar o prazo ese mesmo día.

Espérase unha proba moi igualada en ambas categorías, xa que non hai favoritos claros. Na categoría feminina non participa a campioa do pasado ano Mar Villar e a proba preséntase moi aberta. Entre as inscritas, Iria Fernández (Arcade Inforhouse), Olalla Duro (Artrogal –Tri 498) ou Cristina García (Artrogal –Tri 498), entre outras. Na masculina,  si contaremos co campión do 2015, Alberto González (NFoque Race Team), que deberá loitar contra deportistas coma Pedro Esmorís (Tríatlon Arteixo), Nicolás Domínguez (HPS Tríatlon) ou Carlos Iglesias (Tríatlon Morrazo), entre outros.

A proba disputarase sobre as distancias de 750 metros de natación, 24 quilómetros de bicicleta e 5.500 metros de carreira a pe. A recollida de dorsais terá lugar na Alameda de Allariz e a proba disputarase nunhas paraxes espectacularmente belas.

Ano 2015. Na edición do pasado ano proclamáronse campións do Vila de Allariz Mar Villar (Trinorth-Nogasa) e Alberto González (NFoque Race Team).

 

Quizáis che interese…